Ribas de Sil instala 40 novos sinais para mellorar a localización das súas aldeas

O Concello de Ribas de Sil puxo en marcha a segunda fase dun proxecto destinado a renovar e ampliar a sinalización que identifica as aldeas do municipio. A maior parte dos novos sinais instalaranse en núcleos pertencentes á parroquia de Torbeo.
Nesta etapa do proxecto está prevista a colocación dun total de 40 sinais, cuxo obxectivo é facilitar tanto a identificación como a localización dos distintos núcleos de poboación que conforman o municipio.
O custo da subministración destes sinais ascende a 4.707,51 euros. Esta cantidade está financiada pola Deputación de Lugo, a través dun convenio de colaboración asinado co Concello de Ribas de Sil.
En canto á instalación, esta corre a cargo da brigada municipal de obras, encargada de colocar sobre o terreo os novos elementos de sinalización nos diferentes puntos previstos.