Ribas de Sil convida a nenos e nenas a vivir a súa primeira "misión robot" este venres en San Clodio

RibeiraSacraXa
O Concello organiza unha nova sesión de 'Encontros coa Rapazada' dedicada á robótica educativa, dirixida a nenos e nenas de 9 a 12 anos, sen necesidade de inscrición previa
mision_robot_ribas_sil
20 Aug 2026

O Concello de Ribas de Sil suma unha nova proposta ao seu programa 'Encontros coa Rapazada' cunha actividade centrada na robótica: o 'Reto Robot'. A cita será este venres, 21 de agosto, de 11.00 horas a 13.00 horas, na Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio, e está pensada para nenos e nenas de entre 9 e 12 anos.

Baixo o nome de 'Misión Robot', o obradoiro estará conducido por Ovidio Villar Marcos, catedrático de Matemáticas e especialista en robótica educativa, quen guiará os participantes na súa primeira achega práctica a este campo. A actividade é aberta e non require inscrición previa: abonda con acudir á hora sinalada.

Con esta iniciativa, o Concello de Ribas de Sil quere impulsar entre os máis pequenos as chamadas competencias STEM —ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas—, fomentando desde idades temperás a curiosidade, o pensamento lóxico, a creatividade e a capacidade de resolver problemas dun xeito práctico e divertido.

O consistorio salienta ademais a importancia de favorecer a presenza das nenas neste tipo de propostas científicas e tecnolóxicas, como forma de contribuír a superar estereotipos e de que poidan descubrir, desde pequenas, que a ciencia, a programación e a tecnoloxía son tamén espazos onde experimentar, crear e desenvolver todo o seu potencial.

Con esta sesión, o Concello de Ribas de Sil reafirma a súa aposta pola educación, a ciencia e o fomento das vocacións STEM entre a rapazada do municipio.

0.14445090293884