Ribas de Sil comeza as obras de mellora no CEIP de San Clodio co apoio dos participantes do Obradoiro de Emprego

Esta semana iniciáronse os traballos de mellora no CEIP de San Clodio, unha actuación que respondía a unha demanda formulada desde hai tempo polo Consello Escolar e pola comunidade educativa do centro.
As obras están a ser executadas polo Obradoiro de Emprego compartido dos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. Entre as actuacións previstas figura o pintado das aulas que presentaban problemas de humidades e desconchados, así como a renovación da pintura da entrada principal do colexio, co obxectivo de mellorar o estado das instalacións e ofrecer un espazo máis agradable para alumnado e profesorado.
O Obradoiro de Emprego celebra este ano a súa 12ª edición, consolidándose como un dos programas de formación e emprego con maior continuidade da comarca. A coordinación do proxecto rota entre os tres concellos participantes e, neste 2026, corresponde ao Concello de Folgoso do Courel.
Nesta edición forman parte do programa 20 alumnos e alumnas, acompañados por tres monitores, unha persoa administrativa e un director. O equipo distribúese en tres brigadas que desenvolven actuacións nos tres municipios participantes.
Ademais da formación teórica e práctica que reciben para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral, os participantes realizan traballos de servizo público orientados á conservación e mellora de instalacións e espazos municipais da comarca.