Rematan os traballos de restauración ambiental e paisaxística da contorna da Pena do Conde, en Sober

RibeiraSacraXa
A actuación permitiu recuperar o miradoiro afectado polos incendios do pasado verán e actuar sobre máis de catro hectáreas para controlar a erosión
xuntos-miradoiro-sober
22 May 2026

A contorna do miradoiro da Pena do Conde, no concello de Sober, foi obxecto dunha actuación integral de recuperación ambiental e restauración paisaxística na que se investiron preto de 33.000 euros.

Durante unha visita á zona, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor os traballos realizados para recuperar este espazo afectado polos incendios forestais do pasado verán, destacando a importancia de restaurar “un dos enclaves paisaxísticos máis singulares do concello”.

O Concello de Sober recibiu unha achega de preto de 15.000 euros para a rehabilitación do miradoiro da Pena do Conde, considerado o primeiro da Ribeira Sacra sobre o Canón do río Cabe e integrado nunha rede recoñecida co selo de Calidade Turística de España.

As actuacións incluíron o reforzo da estrutura metálica, a construción de novas plataformas e escaleiras de madeira, a reposición do chan da pasarela e a instalación de novo mobiliario e cartelaría informativa.

Ademais, executáronse labores de restauración ambiental e control da erosión nunha superficie aproximada de 4,3 hectáreas, cun investimento superior aos 18.000 euros. Os traballos centráronse especialmente nas ladeiras de forte pendente cara ao río Cabe para minimizar o impacto provocado polo lume.

Entre as medidas aplicadas figuran sistemas de estabilización do solo, sementeiras manuais, acolchados de palla e a reutilización de piñeiros queimados para crear estruturas destinadas a reducir a escorrenta e favorecer a recuperación da vexetación.

A actuación forma parte das liñas de apoio habilitadas para reparar danos provocados polos incendios forestais en infraestruturas de uso público situadas en espazos naturais protexidos.

0.1165828704834