Rematados os traballos de mellora do firme na LU-611, en Taboada

RibeiraSacraXa
A actuación ten un impacto directo en parroquias como Insua San Salvador, Insua San Xián e Mourulle, así como en núcleos como Deilás, As Seixas ou Santa Eulalia, e mellorarán as condicións da XIII Subida a Taboada
lu-611-concello-de-taboada
17 Apr 2026

O Concello de Taboada celebra o remate das obras de renovación da estrada autonómica LU-611, unha actuación que o alcalde, Roi Rigueira, considera “unha gran noticia” para o municipio, especialmente para varias parroquias que dependen desta vía como principal conexión.

Os traballos afectaron ao tramo comprendido entre o punto quilométrico 29+900, á altura de Sonán, e o punto 36, na propia vila de Taboada. Segundo explicou o rexedor, a previsión trasladada pola empresa adxudicataria é que as obras poidan quedar rematadas a mediados do mes de abril.

A actuación ten un impacto directo en parroquias como Insua San Salvador, Insua San Xián e Mourulle, así como en núcleos como Deilás, As Seixas ou Santa Eulalia, que utilizan esta estrada como vía principal de comunicación.

Ademais, a mellora afeta directamente á celebración da XIII Subida a Taboada, prevista para os días 25 e 26 de abril. A proba automobilística, organizada pola Escudería Taboada, poderá desenvolverse co novo firme, o que supón unha mellora nas condicións de seguridade.

Desde o Concello agradecen á Xunta de Galicia, titular desta vía, “as importantes melloras levadas a cabo para uso e disfrute da veciñanza”.

0.11560106277466