Rematadas dúas novas actuacións de mellora na rede viaria municipal de Taboada

O Concello de Taboada levou a cabo durante a pasada semana dúas actuacións de mellora en vías municipais ao abeiro do convenio de 250.000 euros subscrito entre o alcalde, Roi Rigueira, e a Deputación de Lugo.
As intervencións realizáronse nos accesos ao lugar da Torre, na parroquia de Torre, e na pista que comunica o lugar da Baiuca con Millán, na parroquia de Couto.
O rexedor visitou as obras acompañado pola concelleira María José Poyán para comprobar o resultado dos traballos executados. Durante a visita, Roi Rigueira destacou que estas actuacións son posibles “grazas ao compromiso da Deputación de Lugo co noso concello”.
O alcalde tamén lembrou que este convenio xa permitiu acometer outras actuacións no municipio, como o arranxo da entrada norte á vila de Taboada, a adquisición dun novo tractor ou o financiamento, con 15.000 euros, dunha actuación musical no Festival da Mocidade 2025.
Segundo avanzou o Concello, nas próximas semanas desenvolveranse novas intervencións noutras oito parroquias, ademais da reposición de sinalización e mobiliario no Banco do Cuco.