Rematada a renovación integral do Miradoiro de Sernande en Chantada

O Concello de Chantada completou a renovación integral do Miradoiro de Sernande, unha intervención coa que se renovaron as estruturas de madeira e a varanda do espazo, ademais de incorporarse novos elementos de uso público.
Na actuación incluíronse a instalación de dous bancos, unha nova papeleira e unha rampla que facilita o tránsito e mellora a accesibilidade ao miradoiro. Tamén se levou a cabo o desbroce da contorna e do terreo contiguo.
Esta intervención constitúe a primeira fase dun proxecto máis amplo co que o Concello de Chantada busca poñer en valor os miradoiros situados sobre o río Miño. O obxectivo é mellorar a visibilidade desde estes espazos naturais, así como incrementar a comodidade e a seguridade das persoas visitantes.