Quiroga será o primeiro concello lucense en contar cun mapa sociolingüístico escolar propio

RibeiraSacraXa
Trátase dunha iniciativa promovida pola RAG en colaboración co Concello pensada para analizar a situación do galego entre a poboación máis nova e orientar futuras accións de promoción do idioma
acordo-rag-mapa-eductivo-quiroga
21 Apr 2026

O concello lucense de Quiroga converterase no primeiro da provincia en contar cun mapa sociolingüístico escolar propio, unha ferramenta pensada para analizar a situación do galego entre a poboación máis nova e orientar futuras accións de promoción do idioma. A iniciativa foi formalizada este luns nun acordo de colaboración entre a Real Academia Galega (RAG), o Concello e a Secretaría Xeral da Lingua.

O documento foi asinado na Cidade da Cultura polo presidente da RAG, Henrique Monteagudo, o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera Castro, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. No acto tamén participaron representantes do Seminario de Sociolingüística, encargado de desenvolver o estudo, así como membros do goberno local.

O proxecto permitirá elaborar un diagnóstico detallado sobre o uso do galego entre o alumnado de infantil, primaria e secundaria dos dous centros educativos do municipio. Para iso, recolleranse datos a través de enquisas dirixidas ao estudantado, ás súas familias e ao profesorado.

Desde a RAG salientan que esta ferramenta servirá como base para deseñar medidas de normalización lingüística adaptadas á realidade local. Henrique Monteagudo puxo en valor a implicación de Quiroga, especialmente por tratarse dun concello de pequeno tamaño, e destacou que iniciativas como esta contribúen a ampliar o coñecemento sobre a situación do idioma en distintos contextos. Ademais, lembrou que “os bos resultados que deu a experiencia piloto do proxecto de investigación e acción Modo galego, actívao!” permitiron avanzar na súa extensión a outros municipios galegos, un proceso no que resulta clave a colaboración institucional.

Pola súa banda, o alcalde subliñou a relevancia de impulsar “unha iniciativa que promoverá o uso da nosa lingua en todo tipo de actividades da infancia e a mocidade” e advertiu da tendencia á baixa no uso do galego, especialmente entre os máis novos. Neste sentido, considerou prioritario reforzar a transmisión do idioma nestas idades.

Tamén o secretario xeral da Lingua incidiu na importancia de contar con información próxima á realidade de cada territorio, destacando a necesidade de coñecer as dinámicas de uso do galego tanto en contornas urbanas como rurais.

Desde o Seminario de Sociolingüística, a súa coordinadora, María López-Sández, destacou que a incorporación de Quiroga ao proxecto permite avanzar cara a un mapa máis diverso da realidade lingüística galega, ao incluír zonas afastadas do Eixe Atlántico e concellos de menor poboación. Segundo explicou, isto contribuirá a obter unha visión máis completa da situación do idioma en Galicia.

No ámbito local, o concelleiro de Dinamización Lingüística e a responsable de Educación coincidiron en sinalar a utilidade do proxecto, especialmente ante a diminución de galegofalantes entre a poboación infantil e xuvenil. Neste sentido, puxeron en valor ferramentas que axuden a reforzar a conciencia lingüística e lembraron que “falar galego é a nosa esencia, unha razón de ser e un punto a favor para eles”.

Quiroga súmase así a outros municipios nos que a RAG está a desenvolver iniciativas semellantes, tras experiencias previas como a de Ames ou os acordos asinados recentemente con concellos como Pontevedra, Carballo ou Rois, co obxectivo de avanzar no coñecemento e na promoción do uso do galego entre as novas xeracións.

0.11630797386169