Quiroga inicia os traballos de acondicionamento do Castelo dos Novais

O Concello de Quiroga iniciou os traballos de acondicionamento do Castelo dos Novais, unha actuación que conta cunha axuda de 30.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia. O alcalde, José Luis Rivera, visitou o inmoble para coñecer o desenvolvemento das obras.
Os primeiros traballos céntranse na roza e limpeza do terreo, tanto no contorno do castelo como no interior do propio inmoble. A intervención continuará coa instalación dunha varanda de madeira na rampla de acceso, co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e uso deste percorrido.
O proxecto contempla tamén a reconstrución do muro de mampostería de lousa situado na zona norte, que cedeu parcialmente, así como a colocación de postes de madeira para sinalizar o acceso ao castelo.
A actuación inclúe igualmente a substitución das balizas exteriores e dos proxectores de iluminación que se atopan deteriorados.
O Castelo dos Novais, de titularidade municipal, non era obxecto dun proxecto de acondicionamento desde 2003. Naquela intervención adaptáronse os accesos mediante a creación de sendeiros escalonados e a instalación de varandas de madeira, ademais de consolidarse as ruínas, realizarse labores de limpeza e mellorarse as instalacións de iluminación.
O conxunto militar do Castelo dos Novais está catalogado como ben arquitectónico cun nivel de protección integral e ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC). Por este motivo, as actuacións permitidas están limitadas ás obras de conservación, restauración e consolidación, que deben realizarse conforme á regulación específica e baixo supervisión.