Quiroga celebra esta noite o San Xoán con sardiñas, música e fogueira

O Concello de Quiroga celebra un ano máis a noite de San Xoán cunha programación na que non faltarán as sardiñas, a música e as fogueiras, nunha cita que terá lugar o martes 23 de xuño.
A partir das 21:00 horas, no merendeiro do Parque da Constitución, asaranse sardiñas para todas as persoas veciñas que se acheguen ata a zona.
A música tamén será protagonista desta celebración, coa actuación de Elma, ex recanteira do programa Luar e profesora de música no CEIP de Quiroga durante o presente curso, así como do DJ Ramón.
Como marca a tradición, esta noite coincide co solsticio de verán e coa celebración de diferentes rituais arredor das fogueiras. Preto das 23:00 horas acenderase unha gran fogueira na que as persoas asistentes poderán participar saltándoa, nun xesto asociado á purificación, á eliminación de meigallos, á petición de desexos e á continuidade dunha tradición moi arraigada nesta festividade do San Xoán.