Quiroga celebra as Letras Galegas cun amplo programa cultural durante maio

O Concello de Quiroga conmemorará as Letras Galegas cunha programación especial baixo o título “Mes das nosas Letras”, unha iniciativa que reunirá ao longo de maio teatro, música, literatura e actividades participativas para todos os públicos.
A programación arrancou co certame de narración e debuxo Letras Galegas 2026, que mantén aberto o prazo de presentación de traballos ata o 11 de maio. A partir desa data, sucederanse diferentes propostas culturais organizadas polas áreas de Cultura e Dinamización Lingüística do Concello.
Unha das primeiras citas terá lugar este domingo 10 de maio no Auditorio Municipal, onde se representará a obra “O Transgredir das ondas”, escrita por Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, e interpretada por Rocío González, da compañía Berrobambán, baixo a dirección de Chiqui Pereira.
A peza céntrase na figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño e aborda cuestións como “a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade” e “a importancia da liberdade de expresión no xornalismo”. A través dun formato unipersoal, o espectáculo reconstrúe diferentes momentos da vida e pensamento da autora mediante a gravación ficticia dun pódcast.
A música coral protagonizará a xornada do 16 de maio na Casa da Cultura coa participación do Grupo Vocal Entrelas, a Coral Cantar Delas e a Coral Polifónica de Quiroga. O concerto reunirá diferentes estilos e propostas vocais, desde repertorios tradicionais ata música contemporánea interpretada a capela.
Entre as agrupacións participantes destaca o Grupo Vocal Entrelas, integrado unicamente por voces femininas e cun repertorio que abrangue “son cubano, jazz, pop, habaneras ou música tradicional”. Pola súa banda, Coral Cantar Delas presentará un traballo centrado na creación musical feminina e na recuperación de compositoras esquecidas ao longo da historia.
A programación continuará o 22 de maio coa presentación do libro “A aira dos ventos”, do escritor courelao Jesús Alfonso Parada Jato. A obra relata a dureza da vida no rural e os conflitos persoais dun protagonista marcado polas obrigas familiares e pola soidade.
O domingo 24 será a quenda da música tradicional co concerto do grupo folk Lenda Ártabra no Auditorio Municipal. A formación ferrolá mestura composicións propias con adaptacións de poemas galegos e pezas inspiradas en ritmos tradicionais como xotas, muiñeiras e maneos.
Como peche do “Mes das nosas Letras”, a Casa da Cultura acollerá o 30 de maio a presentación da revista “Lobos te coman”, da escritora local Celia Díaz, unha publicación de pasatempos ilustrada con fotografías de Ramón Vila e centrada na divulgación do patrimonio e dos recunchos do municipio.
A iniciativa conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial e do programa FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua.