Quiroga busca dar continuidade ao proxecto ‘Tecendo Memorias’ a través do Xeoparque Montañas do Courel

A Casa da Cultura de Quiroga acolleu esta pasada fin de semana un encontro para presentar os resultados de ‘Tecendo Memorias’, un proxecto de recuperación da memoria do territorio desenvolvido entre setembro e decembro de 2025 en Campos de Vila, A Ermida e Quiroga. A xornada rematou coa proposta de que o Xeoparque Montañas do Courel dea continuidade a este traballo cunha liña estable arredor da memoria viva da zona.
A iniciativa, impulsada polo Concello de Quiroga e financiada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, naceu co obxectivo de recuperar os recordos e coñecementos das persoas que habitan o territorio e crear espazos para conversar e reconstruír colectivamente o relato local.
Durante o encontro, o alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, destacou que o proxecto, inicialmente concibido como un taller de memoria, acabou dando lugar a novas iniciativas. Entre elas está o roteiro da Toca, impulsado desde a área municipal de Turismo e incorporado este verán ao programa de dinamización ‘Descubrir Quiroga’.
O concelleiro de Servizos Sociais e Normalización Lingüística, Xosé Manuel Fernández, promotor de ‘Tecendo Memorias’ a partir dunha proposta da educadora social Paula Carrera, explicou que o taller empregou un enfoque específico para traballar a memoria a través dos recordos e experiencias da veciñanza.
O proxecto desenvolveuse a través de tres grupos de traballo, cada un dos cales deu lugar a un resultado diferente. En Campos de Vila recuperouse a memoria da aldea da Toca e creouse un itinerario sobre o seu pasado vinculado á siderurxia do ferro. En Quiroga, o traballo centrouse na infancia e nos xogos e rematou cun programa de radio realizado no CEIP de Quiroga, no que participaron alumnado e integrantes do taller. Na Ermida elaborouse un receitario con comidas propias da zona.
Paula Carrera agradeceu a implicación das participantes e definiu o proxecto como unha “semente” para recuperar e preservar o patrimonio vivo a través dos saberes transmitidos pola veciñanza.
O encontro reuniu tamén ás persoas que participaron nos diferentes grupos de traballo, que puideron compartir os procesos desenvolvidos e os resultados xurdidos das súas lembranzas, experiencias e coñecementos.