Quiroga afondará na figura de Prisciliano coa estrea dun documental

RibeiraSacraXa
‘Prisciliano e a Gallaecia’ presentarase o 6 de novembro na Casa da Cultura, onde tamén se celebrará un coloquio posterior
estrea-prisciliano-gallaecia-quiroga
11 Oct 2026

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá o 6 de novembro a presentación do documental ‘Prisciliano e a Gallaecia’, unha produción centrada na figura do bispo galaico Prisciliano e na súa presenza na Galicia tardorromana e altomedieval.

O acto comezará ás 19.00 horas e contará coa participación do director do documental, Aser Álvarez, e do profesor de Historia Antiga e especialista na figura de Prisciliano Diego Piay Augusto. Antes da proxección, ambos introducirán o contido da obra e o contexto histórico no que se sitúa.

Prisciliano viviu entre os anos 340 e 385 e foi executado por herexía. A súa figura continúa sendo obxecto de investigación na actualidade, especialmente pola súa relación co contexto relixioso e social da Galicia da época.

Durante a presentación tamén se abordará a posible relación do priscilianismo coa denominada Crismón da Ermida, unha peza de arte paleocristiá sobre a que Diego Piay considera probable esta vinculación.

Unha vez rematada a proxección abrirase un debate-coloquio no que poderán participar as persoas asistentes para compartir impresións e cuestións relacionadas co documental e coa figura histórica de Prisciliano.

A actividade está organizada polo Concello de Quiroga coa colaboración do Departamento de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.14221501350403