Quiroga abre o prazo para solicitar cita para a declaración da renda con asistencia por videoconferencia no Concello

O Concello de Quiroga informa de que xa se pode solicitar cita previa para realizar a declaración da renda a través do servizo de videoasistencia que ofrece a Axencia Tributaria en municipios de menos de 3.000 habitantes.
Este programa permite aos veciños e veciñas confeccionar e presentar a declaración da renda 2025 de forma gratuíta e sen desprazarse, mediante atención por videoconferencia desde o propio concello.
Poderán acollerse a este servizo os contribuíntes con pensións e outras rendas de traballo de ata 80.000 euros, rendas de capital mobiliario de ata 20.000 euros, alugueres de ata dous inmobles ou dous contratos, actividades económicas en estimación obxectiva ou ata dúas transmisións de bens.
O servizo será prestado por persoal da Axencia Tributaria entre o 6 de maio e o 30 de xuño. As citas poden solicitarse desde o 29 de abril a través dos teléfonos 91 553 00 71 e 901 22 33 44, na sede electrónica da AEAT, na web oficial ou na aplicación móbil da Axencia Tributaria. Unha vez reservada a cita, indicarase o día e a hora para acudir ao Concello.
O programa desenvólvese grazas á colaboración dos municipios participantes, que deben habilitar un espazo axeitado e contar con persoal municipal que facilite a conexión por videochamada cos técnicos da Axencia Tributaria.