Prorural impulsa un inventario de bens e oportunidades no Xeoparque Montañas do Courel

A Asociación Prorural Galicia, en colaboración cos concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga, puxo en marcha un inventario de bens e recursos no territorio do Xeoparque Montañas do Courel co obxectivo de localizar oportunidades de desenvolvemento económico na zona.
O proxecto, coordinado por un equipo técnico e cun enxeñeiro á fronte, céntrase no mapeo de inmobles, fincas, elementos patrimoniais e espazos produtivos que poidan ser reutilizados ou postos en valor. O traballo realízase en colaboración cos servizos municipais dos tres concellos implicados.
O inventario abrangue desde vivendas e edificacións tradicionais ata parcelas agrarias, bens patrimoniais e restos industriais, como antigas ferrerías. Tamén se inclúen terreos con potencial para novas actividades económicas, especialmente aqueles situados en zonas próximas a cursos fluviais como o río Sil, con interese para proxectos vinculados ao turismo e outras iniciativas empresariais.
A iniciativa forma parte dun proxecto máis amplo que pretende conectar estes recursos con persoas emprendedoras e investidores, co fin de promover actividade económica e fixación de poboación no territorio.
No marco deste plan, está prevista para o 1 de xuño en Madrid a sinatura dun manifesto de colaboración para a creación dun HUB de emprendemento e dunha sociedade de investimento ligada ao territorio. No acordo participarán entidades como Oryon Universal, a comunidade de investidores de Casa de Outeiro, o Grupo Rural Manager S.L., a Asociación que integra os concellos do Xeoparque, a Asociación de Empresarios do Xeoparque e a Asociación Quiroga en Marcha, e prevese solicitar tamén apoio de organismos autonómicos como o IGAPE e a Consellería de Emprego.
O modelo de traballo baséase na identificación e contacto cos propietarios de bens e parcelas para estudar posibles usos ou recuperacións, tendo en conta a complexidade da estrutura da propiedade na zona, marcada polo minifundio e o abandono de inmobles.
Para facilitar este proceso, organizaranse reunións informativas cos veciños e veciñas dos tres municipios, co obxectivo de explicar o proxecto e recoller información sobre propiedades con potencial de incorporación ao inventario territorial.