Por Chantada rexeita o préstamo de máis de 4,1 millóns de euros que o goberno local levará a pleno

Por Chantada–Interior Galego Vivo anunciou a súa oposición ao préstamo de 4.189.546 euros que o goberno municipal do Partido Popular pretende aprobar nun pleno extraordinario. A formación sostén que a operación supón a maior débeda asumida polo Concello e cuestiona que exista unha planificación suficiente para avalar os investimentos que se pretenden financiar.
Segundo explica o grupo, durante a comisión informativa celebrada este mércores o executivo municipal recoñeceu que non dispón dos proxectos correspondentes ás actuacións previstas, en resposta a unha solicitude de información presentada pola formación o pasado sábado.
O voceiro municipal, Antom Fente, asegura que o debate vai máis alá dunha operación financeira. “O que o PP pretende que aprobemos non son proxectos; é a maior hipoteca da historia do Concello”, afirma. Na mesma liña, engade que “despois de vinte e sete anos gobernando, o alcalde vende facer en dez meses o que non fixo en case tres décadas. E pretende facelo a meses de que a cidadanía vote e coa maior operación de endebedamento da historia do Concello. Esa é a verdadeira cuestión política a debate”. A formación sinala ademais que o propio alcalde recoñeceu que a amortización desta débeda levaría, como mínimo, seis anos.
Por Chantada considera insuficiente a documentación que acompaña o expediente. Segundo expón, a memoria da Alcaldía limítase a relacionar partidas orzamentarias sen explicar a súa urxencia, o estado de elaboración dos proxectos, os prazos de execución nin os motivos polos que estas actuacións non foron incluídas no orzamento aprobado hai poucos meses. Tamén apunta que entre a documentación entregada aos grupos municipais non figura un informe da Secretaría sobre a legalidade da operación.
Entre as partidas previstas figura unha dotación de 2,3 millóns de euros destinada ao apartado de acceso a núcleos de poboación. A formación critica que non se detalle que estradas serán acondicionadas, que parroquias se verán beneficiadas nin exista un calendario de execución. Tamén cuestiona a previsión de investir máis de 1,2 millóns de euros na futura Casa Consistorial sen que, segundo indica, consten proxectos ou documentación técnica.
Neste sentido, Por Chantada asegura que na comisión informativa o goberno local recoñeceu que a maior parte das obras non se executarán durante 2026, senón ao longo de 2027. Por iso considera que «Primeiro piden os cartos; despois xa verán que fan con eles», criticando que se aprobe un préstamo antes de definir con detalle as actuacións que financiará.
A formación tamén fai referencia ao informe da Intervención municipal, que, segundo indica, advirte de que esta operación obrigará ao Concello a aprobar un Plan Económico-Financeiro ao incumprirse as regras de estabilidade orzamentaria. Para Antom Fente, «Iso significa que quen goberne despois dos comicios de maio de 2027 atoparase cun Concello con menos marxe de manobra para decidir as súas políticas económicas e de investimento, precisamente nun contexto de enorme incerteza económica e cando hai que licitar o lixo que, si ou si, vai repercutir nos recibos».
Segundo sostén o grupo, a aprobación dese plan podería limitar a capacidade económica do Concello durante varios exercicios e obrigar á adopción de medidas de reequilibrio financeiro. Tamén lembra que nos próximos anos deberá licitarse un novo contrato para o servizo de recollida de lixo, que, ao seu xuízo, terá un custo superior ao actual.
Por Chantada considera especialmente significativo que esta decisión se adopte a menos de dez meses das eleccións municipais e asegura que máis do 85 % do importe do préstamo está destinado a actuacións que requiren proxectos técnicos, informes e procedementos de contratación que, ao seu entender, dificilmente poderán completarse antes de rematar o ano 2026.
A situación, din, “non só supón hipotecar o concello e deixalo durante anos sen capacidade de xestión económica (isto xa pasou noutrora con iste mesmo alcalde) dun xeito inxustificable, reprobable, arbitrario e absolutamente eleiotoralista a ollos de calquera; mais supón tamén que as vinceiras municipais van ser un referendo sobre o caciquismo como forma de goberno”.
A formación conclúe reiterando que apoia os investimentos públicos e a mellora das infraestruturas municipais, pero considera que deben responder a unha planificación rigorosa. “Queremos estradas, queremos edificios públicos e queremos mellores servizos públicos. O que non aceptamos é que se comprometa o futuro económico do Concello cun préstamo millonario sen unha planificación seria e a poucos meses das eleiciós”, sinala Antom Fente, que asegura que “ninguén asinaría sen necesidade unha hipoteca respondendo co seu patrimonio nestas condiciós de volatilidade”.
Para o voceiro, “un goberno responsábel non pensa só no próximo titular nen na próxima campaña; pensa tamén no Concello que deixa ás xeraciós vindeiras. Os gobernos responsábeis deixan proxectos. Os gobernos desesperados deixan débedas. Chantada merece futuro. Non merece hipotecas”.