Por Chantada reclama á Xunta explicacións pola solta dun voitre no Monte Faro pola presenza de eólicos na zona

Por Chantada, a través de Interior Galego Vivo, expresou as súas dúbidas sobre a decisión da Xunta de Galicia de liberar un voitre no Monte Faro e reclamou maior transparencia sobre os criterios que sustentaron esta actuación.
A formación asegura que non cuestiona a conservación da biodiversidade nin a recuperación desta especie, que considera unha prioridade das políticas públicas. Neste sentido, lembra que o voitre formou parte historicamente da fauna galega e que a súa presenza está recollida mesmo na toponimia, con lugares como A Voutureira, en Carballedo. Segundo sinala, a desaparición da especie debeuse á persecución humana, ao envelenamento e á transformación do territorio, especialmente durante os séculos XIX e XX.
Con todo, considera necesario coñecer a base técnica da decisión de liberar un exemplar no Monte Faro, unha zona que, segundo indica, conta cunha importante presenza de infraestruturas eólicas. A formación apunta que existe literatura científica que identifica os aeroxeradores como un risco de colisión para grandes aves planeadoras, entre elas os voitres.
Neste contexto, Por Chantada pregunta que estudos motivaron a elección do Monte Faro para a liberación, que avaliación específica do risco de colisión cos parques eólicos se realizou, que alternativas foron analizadas, que programa de seguimento científico está previsto e se o exemplar conta cun sistema de xeolocalización para controlar a súa evolución.
A formación insiste en que estas cuestións non pretenden cuestionar a recuperación da especie, senón garantir que as actuacións financiadas con recursos públicos estean sustentadas en criterios científicos e non expoñan os animais a riscos evitables.
Ao mesmo tempo, considera que esta actuación pon de manifesto unha contradición na planificación territorial. Segundo expón, durante anos o interior galego concentrou grandes infraestruturas como parques eólicos, liñas de alta tensión, encoros ou explotacións mineiras e, agora, tamén acolle programas de recuperación de fauna, “sen contar coas poboacións locais”.
Por Chantada sostén que ambas políticas poderían ser compatibles se existise unha planificación integral do territorio, pero considera que actualmente as actuacións se desenvolven de forma illada, sen explicar como se compatibiliza a conservación da biodiversidade coa instalación de infraestruturas que poden afectar ás especies protexidas.
A formación conclúe solicitando á Xunta que faga públicos os informes técnicos que avalan a liberación do voitre, os criterios empregados para seleccionar o Monte Faro e o programa de seguimento previsto para avaliar a evolución da iniciativa. Segundo defende, “a conservación da natureza non pode converterse nunha sucesión de actuacións inconexas”, senón que debe responder a unha planificación rigorosa, coordinada e transparente.