Por Chantada presenta alegacións contra o préstamo de máis de 4,1 millóns de euros aprobado inicialmente polo PP

RibeiraSacraXa
A formación cuestiona a legalidade do expediente e advirte de que a operación elevará a débeda municipal por habitante por riba dos 600 euros
antom-fente
30 Jul 2026

Por Chantada–Interior Galego Vivo vén de rexistrar alegacións contra a aprobación inicial da modificación de crédito e da operación de préstamo por importe de 4.189.546,13 euros impulsada polo goberno municipal de Chantada. A formación considera que o expediente non cumpre os requisitos legais necesarios para recorrer á figura do crédito extraordinario e do suplemento de crédito financiados mediante endebedamento e solicita a anulación do acordo aprobado inicialmente polo Partido Popular ou, subsidiariamente, a retroacción do procedemento para incorporar a documentación que considera imprescindible.

Desde o grupo municipal sinalan que, sumando os xuros previstos, o custo total da operación situaríase preto dos 4,8 millóns de euros, o que, segundo indican, elevaría a débeda municipal por habitante por riba dos 600 euros.

O voceiro de Por Chantada, Antom Fente, sostén que o debate non radica na necesidade de realizar investimentos no municipio, senón na forma na que se pretende financiar esa actuación. Segundo explica, a operación hipotecaría as contas municipais durante dezasete anos sen que existan proxectos suficientemente definidos nin garantías sobre a súa viabilidade. Ademais, critica que o préstamo inclúa dous anos de carencia e considera que responde a unha estratexia política de cara aos próximos comicios municipais.

Nas alegacións presentadas, a formación argumenta que o expediente incumpre o artigo 37 do Real Decreto 500/1990, ao entender que os créditos extraordinarios deben destinarse a gastos concretos, determinados e inaprazables. Ao seu xuízo, as partidas recollidas na documentación municipal carecen do nivel de detalle esixido pola normativa.

Como exemplo, Por Chantada cita a partida de 2,3 millóns de euros destinada ao acceso a núcleos de poboación, sobre a que asegura que non se especifican as vías afectadas, a súa localización, lonxitude, cronograma de execución, proxectos técnicos nin o sistema de contratación previsto. Tamén cuestiona a dotación de máis de 1,2 millóns de euros para a futura Casa Consistorial, ao considerar que non consta a documentación técnica necesaria para acreditar o grao de madurez da actuación.

A formación estende as súas críticas a outras partidas vinculadas á pavimentación de vías públicas, equipamento urbano e mobiliario da biblioteca, que considera insuficientemente definidas.

Por outra banda, o grupo considera que a memoria da Alcaldía non xustifica adecuadamente a necesidade urxente destas actuacións nin explica por que non foron incorporadas ao orzamento municipal aprobado hai poucos meses. Neste sentido, sostén que unha operación financeira desta envergadura debería estar sustentada por unha planificación máis rigorosa.

As alegacións tamén fan referencia ao informe da Intervención municipal, que advirte de que a operación provocará o incumprimento das regras de estabilidade orzamentaria e obrigará á elaboración dun Plan Económico-Financeiro. Segundo Por Chantada, esta situación podería condicionar a capacidade económica do Concello durante varios exercicios e derivar nun incremento da presión fiscal.

A formación considera especialmente preocupante asumir un endebedamento destas características a poucos meses das eleccións municipais e lembra que parte das actuacións previstas non se executarían ata o ano 2027. Por este motivo, defende que existen mecanismos legais para programar investimentos plurianuais sen necesidade de asumir agora a totalidade do préstamo.

Por Chantada agarda que o goberno local estime as alegacións presentadas e deixe sen efecto a aprobación inicial do expediente. En caso contrario, anuncia que continuará recorrendo ás vías legais que considere oportunas para defender os intereses da veciñanza. Segundo conclúe Antom Fente, trátase da decisión económica máis relevante adoptada polo Concello nas últimas décadas e, por iso, considera imprescindible actuar con transparencia, planificación e respecto á legalidade.

0.12331891059875