Por Chantada logra a retirada dunha convocatoria de emprego público no Concello de Chantada

RibeiraSacraXa
O recurso presentado advertía de diversas deficiencias nas bases do proceso para a creación dunha bolsa de emprego de monitor/a deportivo-socorrista, que terá que ser novamente convocada.
piscinas-municipais-chantada
2 Jun 2026

O Concello de Chantada viuse obrigado a retirar integramente a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego de monitor/a deportivo-socorrista, tras ser estimado parcialmente un recurso potestativo de reposición presentado desde Por Chantada - Interior Galego Vivo.

Segundo a resolución da Alcaldía (0611/2026, do 1 de xuño), revócase o Decreto 2026-0559 e déixase sen efecto a convocatoria, o que obriga ao consistorio a redactar unhas novas bases adaptadas á normativa vixente. En palabras da formación, “si Por Chantada non chega a recorrer, o Concello tería continuado adiante cun proceso selectivo que non cumpría os requisitos legais esixidos para o exercicio das funcións de socorrismo acuático”.

Desde o grupo denuncian que este non sería un caso illado e sosteñen que a situación “fai pairar sospeitas sobre todos os procesos selectivos do Concello”, afirmando que en anteriores ocasións foron os seus recursos os que obrigaron a corrixir irregularidades.

O recurso presentado advertía de diversas deficiencias nas bases do proceso, entre elas a falta de esixencia explícita da formación mínima obrigatoria para o exercicio do socorrismo acuático na Galiza, regulado polo Decreto 152/2021 da Xunta de Galicia. Segundo a formación, o procedemento permitía acceder ao posto co único requisito académico da ESO, sen requirir titulación específica en socorrismo, primeiros auxilios ou uso de desfibriladores.

A resolución municipal recoñece, segundo a formación, que as bases non contemplaban adecuadamente os requisitos establecidos pola normativa autonómica para o exercicio profesional do socorrismo acuático. Tamén se apuntan deficiencias relacionadas coa contratación temporal e co cumprimento da normativa laboral, aspectos que deberán ser corrixidos na nova convocatoria.

Desde Por Chantada cualifican o caso como especialmente grave ao tratarse dun posto vinculado á seguridade das persoas usuarias das piscinas municipais e á atención de emerxencias. Na súa valoración, consideran que “a improvisación converteuse nunha práctica habitual do goberno municipal”, ao entender que os procesos selectivos se inician sen as comprobacións xurídicas e técnicas necesarias.

O grupo sostén ademais que este tipo de incidencias contribúen a deteriorar a confianza na xestión municipal e na transparencia dos procedementos de acceso ao emprego público. Neste sentido, reclaman que se dea a mesma difusión institucional ao resultado deste expediente que a outras comunicacións do Concello.

“O emprego público non pertence ao alcalde nin ao grupo de goberno”, sinalan, defendendo que os procesos selectivos deben rexerse polos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e transparencia.

Por Chantada conclúe que a retirada desta convocatoria supón un exemplo da necesidade de control e fiscalización da oposición, e afirma que continuará revisando expedientes e recorrendo aquelas actuacións que considere irregulares.

0.12965393066406