Por Chantada lamenta o rexeitamento da súa proposta para bonificar o IVTM a persoas con discapacidade e coidadoras por parte do PP

Por Chantada – Interior Galego Vivo critica a postura do grupo municipal do Partido Popular no Concello tras votar en contra da súa proposta de establecer bonificacións sociais no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para persoas con discapacidade e persoas coidadoras.
A iniciativa defendida desde Por Chantada no último pleno da Corporación formulaba unha bonificación do 100% deste imposto para persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e para aquelas que desenvolven tarefas de coidado, co obxectivo de recoñecer o esforzo económico e persoal que estas situacións implican.
Durante o debate plenario, explican desde a formación, o alcalde chegou a recoñecer o valor da proposta, cualificándoa como “moi boa” e afirmando que sería “merecente de incluírse en calquera programa electoral”. Porén, critican, esta valoración non se traduciu en apoio político, e o grupo de goberno votou finalmente en contra da súa aprobación.
Desde Por Chantada lamentan este posicionamento e consideran que existe unha falta de coherencia entre o recoñecemento da proposta e a decisión adoptada. A formación sostén que se trata dunha medida dirixida a un colectivo que “sostén boa parte do benestar social sen o recoñecemento nin o apoio suficiente das administracións”.
A proposta baseábase na posibilidade legal que teñen os concellos para establecer bonificacións de carácter social no IVTM, conforme á normativa vixente, e tiña como referencia experiencias similares noutros municipios.
Por Chantada tamén enmarcou a iniciativa na realidade dun concello como Chantada, con 36 parroquias e con limitacións en materia de transporte público, onde o uso do vehículo privado resulta clave para acceder a servizos sanitarios, sociais e asistenciais.
Segundo explicou o voceiro da formación, Antom Fente, o obxectivo era avanzar cara a unha fiscalidade máis xusta e recoñecer o papel das persoas coidadoras: “A mobilidade é esencial para garantir unha vida digna, especialmente no rural. As persoas coidadoras fan un labor imprescindible e o mínimo é que a administración lles facilite a súa tarefa”.
Para Por Chantada – Interior Galego Vivo, o rexeitamento da moción supón “perder unha oportunidade de adoptar unha medida socialmente xusta, legalmente viable e cun impacto directo na vida das familias”. A formación asegura que seguirá impulsando propostas neste sentido e reclama ao goberno local “máis coherencia entre o que se di e o que se vota”.
Ademais, lembran que recentemente impulsaron as I Xornadas da comunidade centradas na cuestión migratoria, nas que tamén se puxo o foco na importancia dos coidados e nas deficiencias da rede pública, destacando a necesidade de dignificar estes traballos e recoñecelos como esenciais para a vida.