Por Chantada-IGV propón medidas para preservar a empanada tradicional de Chantada

O grupo municipal Por Chantada-IGV levará ao Pleno da Corporación unha moción na que propón diferentes medidas para preservar e promover a empanada tradicional de Chantada, que a formación considera un elemento propio do patrimonio gastronómico e cultural da vila.
A iniciativa parte da importancia da empanada na tradición local, tamén vinculada á Festa da Empanada coa que rematan as festas patronais de Chantada. Segundo explica a formación, a desaparición progresiva dos fornos tradicionais dos fogares fixo que a elaboración quedase principalmente en mans das panadarías.
Por Chantada-IGV advirte ademais da redución do número de establecementos que manteñen esta elaboración tradicional. A formación sinala que a falta de relevo xeracional e o avance da industrialización e da estandarización alimentaria contribuíron á desaparición de pequenos negocios, polo que considera necesario actuar para asegurar a continuidade da receita local.
A proposta toma como referencia tamén o traballo da Universidade de Santiago de Compostela coa Cátedra do Pan e do Cereal, creada en 2016 e presentada pola formación como un exemplo do recoñecemento do valor do pan e dos produtos derivados da fariña dentro do patrimonio gastronómico galego.
A concelleira Fernández Montes defende que a empanada de Chantada “forma parte do noso patrimonio” e que reúne “tradición, identidade local, materia prima, coñecemento e memoria colectiva”. Na súa opinión, as diferentes elaboracións existentes en Galicia contan con características propias e, neste caso, considera que a empanada chantadina ten unha identidade vinculada ao territorio.
A edil aposta por unha responsabilidade compartida para garantir a súa preservación, con medidas de divulgación, apoio ao sector, transmisión dos coñecementos tradicionais e recoñecemento institucional. Tamén propón incentivar a actividade das pequenas empresas artesás que manteñen a elaboración, investigar e documentar as técnicas empregadas e favorecer a súa difusión.
Entre as medidas que Por Chantada-IGV someterá á consideración do Pleno figura a creación de sinerxías con entidades públicas e privadas que poidan contribuír ao mantemento e posta en valor da empanada de Chantada.
A moción tamén propón investigar as receitas tradicionais a través de persoas que rexentan ou rexentaron establecementos panadeiros e de veciños e veciñas con coñecementos recoñecidos sobre a súa elaboración. A intención é rexistrar e conservar estes saberes e posteriormente difundilos mediante obradoiros.
Por último, a formación formula incentivar a apertura de novos establecementos especializados na empanada tradicional de Chantada e favorecer o relevo xeracional nos negocios que aínda manteñen esta elaboración.