Por Chantada denuncia unha onda de liquidacións do IBI con cobros retroactivos de até catro anos no rural

RibeiraSacraXa
A formación asegura que veciños de varias parroquias están a recibir recibos acumulados do imposto sobre bens inmobles e reclama explicacións ao goberno local sobre o proceso de revisión catastral que o orixinou
Antom Fente Por Chantada
Foto: Por Chantada-IGV
10 Nov 2026

Varias persoas propietarias de inmobles nas parroquias de Chantada están a recibir nos últimos días liquidacións do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) con cobros acumulados de exercicios anteriores. Así o trasladou a formación municipalista Por Chantada – Interior Galego Vivo, que fixo pública a situación a partir das queixas que, segundo indica, lle chegaron de veciños afectados por estas notificacións.

Segundo explica o grupo, os importes reclamados corresponderían a un período de até catro anos cara atrás, e en varios casos as cantidades resultarían, a xuízo das persoas afectadas, moi superiores ao que cabería esperar atendendo ao valor real das súas propiedades.

Un proceso que, segundo a formación, xa se veía vir desde 2022

Por Chantada sitúa a orixe da polémica nun proceso de revisión catastral que, segundo lembra, xa denunciou hai varios anos. En concreto, a formación afirma que en febreiro de 2022 alertou de que o Concello estaba a traballar sobre as chamadas “zonas brancas” —áreas rurais con inmobles non incorporados até entón ao Catastro— e que ese traballo podía traducirse en milleiros de novas notificacións a veciños do municipio.

O grupo sostén que aquela revisión non se tería limitado a dar de alta propiedades até entón non rexistradas, senón que tamén tería supoñido cambios na superficie e no valor asignado a inmobles que xa viñan pagando o imposto, o que, ao seu entender, explicaría agora o importe dalgúns dos recibos que están a chegar aos fogares.

Entre as construcións que poderían verse afectadas por este tipo de revisión, a formación menciona edificacións típicas do medio rural ligadas antigamente a labores agrícolas ou gandeiras —como cortes, palleiras ou alpendres— que en moitos casos levan anos en desuso. O grupo pon o acento especialmente nas persoas maiores, que seguirían a tributar por este tipo de construcións malia que, segundo indican, apenas teñen xa utilidade nin valor de mercado nas súas aldeas.

Dúbidas sobre o convenio asinado cunha empresa

Unha parte importante da denuncia de Por Chantada céntrase nun convenio que, segundo o grupo, o Concello asinou cunha compañía privada para desenvolver traballos de actualización catastral no rural. A formación indica que tivo constancia dese acordo por unha referencia incluída nun decreto municipal, pero que até o momento non puido acceder ao contido íntegro do documento malia telo solicitado.

Ante esa falta de acceso, o grupo reclama que o goberno municipal aclare publicamente en que consistiu a colaboración con esa empresa, que actuacións concretas se levaron a cabo sobre o terreo e que efecto tiveron eses traballos nos valores catastrais que agora serven de base para calcular o imposto. A formación lembra, ademais, que en maio de 2025 xa puxo sobre a mesa a existencia doutro acordo relacionado con traballos catastrais, nese caso vinculado á empresa Cartografía e Medicións S.L.

O voceiro de Por Chantada, Antom Fente, pediu que o goberno local “dea a cara” e explique en que termos se alcanzou ese acordo e que garantías se estableceron para protexer os intereses dos veciños.

“O rural non pode tributar coma se fose urbano”

Máis alá do convenio, Por Chantada pon o foco nunha cuestión de fondo: considera que non resulta razoable que parroquias con escasa poboación e con carencias evidentes en infraestruturas básicas —sen rede pública de auga corrente, sen saneamento ou sen un sistema de depuración de augas residuais equiparábel ao das zonas urbanas— se vexan sometidas a unha presión fiscal pensada, segundo o grupo, para contornos con moitos máis servizos.

A formación lembra igualmente que a fixación dos valores catastrais depende da Administración do Estado, pero subliña que a xestión e o cobro do IBI son competencia do propio Concello, polo que considera que o Concello non pode desentenderse da situación alegando que a responsabilidade recae noutro organismo, dado que é a propia institución municipal a que asina convenios con empresas para este fin e a que finalmente emite e cobra os recibos.

Varias peticións ao Concello

A raíz desta situación, Por Chantada trasladou ao goberno municipal unha serie de peticións concretas. Entre elas, pide que se facilite o acceso íntegro ao convenio asinado coa empresa e á documentación relacionada; que se explique con detalle o alcance dos traballos realizados nas zonas rurais e os criterios utilizados para modificar valores e superficies; e que se informe con claridade de que exercicios están afectados polas liquidacións actuais e como se calcularon.

O grupo reclama ademais que se poña á disposición dos veciños un servizo municipal de orientación para quen queira revisar os seus recibos ou valorar a posibilidade de presentar alegacións ou recursos, así como que se trasladen ao Catastro aqueles casos nos que os valores asignados non se correspondan coa realidade das propiedades. Por último, pide que se estuden fórmulas fiscais a nivel municipal que eviten que os veciños do rural soporten unha carga tributaria desproporcionada en relación cos servizos que realmente reciben.

A formación recomenda a quen estea a recibir estas liquidacións que revisen con coidado os datos dos seus inmobles, os importes reclamados, os anos aos que corresponde cada recibo e os prazos dispoñibles para reclamar, antes de que estes se esgoten.

0.096230030059814