Por Chantada cuestiona a paralización da nave de Medio Rural e pide explicacións ao alcalde

A formación Por Chantada–Interior Galego Vivo denunciou a falta de avances na construción da nave de Medio Rural anunciada pola Xunta de Galicia en Chantada e cuestionou o papel do alcalde, Manuel Lorenzo Varela, ante a posible substitución do proxecto inicial por unha alternativa baseada no alugueiro dunha nave privada no polígono dos Acivros.
Segundo lembra a organización, en maio de 2023, coincidindo coa campaña das eleccións municipais, o Partido Popular promoveu a cesión dunha parcela municipal para que a Xunta construíse unha infraestrutura destinada a centralizar os servizos do dispositivo de prevención e extinción de incendios e a Oficina Agraria Comarcal. A actuación foi presentada como un investimento estratéxico para Chantada e a súa comarca e mesmo foi incorporada ao programa electoral dos populares.
Tres anos despois, Por Chantada asegura que a nave segue sen executarse e critica que as respostas ofrecidas polo goberno municipal ás preguntas formuladas nos plenos sobre o estado do proxecto foron “evasivas e contraditorias”.
A formación sinala ademais que a Consellería do Medio Rural presentara esta actuación como un dos investimentos máis importantes previstos na provincia de Lugo en materia de infraestruturas do Servizo de Incendios. Porén, diversas informacións apuntan agora á procura dunha nave privada para ser alugada e adaptada ás necesidades do servizo, renunciando á construción do edificio público inicialmente comprometido.
Por Chantada considera que, de confirmarse esta opción, resultaría difícil de xustificar desde o interese xeral, xa que suporía destinar recursos públicos ao alugueiro e acondicionamento dun inmoble privado cando xa existía unha parcela municipal cedida para desenvolver a actuación prevista. A formación tamén mostra a súa preocupación polas informacións que sitúan ao alcalde participando nas xestións para localizar unha nave alternativa, aínda que este negou no último pleno municipal ter relación co asunto.
A organización destaca igualmente que o rexedor recoñeceu que a futura instalación acollería unicamente os servizos de incendios, mentres que a Oficina Agraria Comarcal permanecería na súa localización actual, unha decisión que, ao seu xuízo, contradí o proxecto inicial presentado en 2023, que apostaba pola concentración dos servizos nun único emprazamento.
Ante esta situación, Por Chantada reclama explicacións tanto ao Concello como á Xunta sobre os motivos polos que non se executou a nave pública anunciada, o destino previsto para a parcela municipal cedida, as razóns que motivaron a modificación do proxecto e os posibles custos que tería para as arcas públicas a alternativa baseada no alugueiro de instalacións privadas.
A formación lembra que no Distrito Forestal VIII traballan arredor de cincuenta persoas vinculadas aos servizos forestais e considera que a creación dunha infraestrutura pública moderna permitiría reforzar o papel de Chantada como cabeceira comarcal e consolidar estes servizos no territorio.
Por Chantada conclúe reclamando “transparencia absoluta” e insiste en que a veciñanza ten dereito a coñecer por que unha infraestrutura anunciada como prioritaria en 2023 continúa sen materializarse en 2026 e cales son os motivos que están a impedir a súa execución.