Por Chantada carga contra o Goberno local por defender o proxecto de baterías de litio GRX Belesar II

RibeiraSacraXa
Segundo denuncian, “o propio alcalde actuou como defensor do proxecto diante da veciñanza, chegando a mostrar máis preocupación polo cobro do ICIO que pola saúde, a seguridade ou o futuro das parroquias afectadas”
Grupo municipal Por Chantada - Interior Galego Vivo. Foto IGV.
Grupo municipal Por Chantada - Interior Galego Vivo. Foto IGV.
11 May 2026

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de rexistrar alegacións contra o proxecto industrial de baterías de litio GRX Belesar II (expediente PB 14/2025), ao que considera inseparable de Belesar I e parte dunha única macroinstalación industrial fragmentada de forma artificial.

A formación sostén que esta división responde a unha estratexia para evitar unha avaliación ambiental máis estrita a nivel estatal. Neste sentido, afirma que “estamos perante un fraude de lei evidente, consentido pola Xunta de Galiza, que permite fraccionar un macroproxecto de máis de 96 MW para impedir que sexa avaliado polo Ministerio e evitar unha análise real dos impactos acumulativos”.

Por Chantada apunta tamén á responsabilidade política do PP tanto na Xunta como no Concello de Chantada. Critica que o goberno local optase por non presentar alegacións e que o alcalde defendese publicamente a iniciativa. Segundo denuncian, “o propio alcalde actuou como defensor do proxecto diante da veciñanza, chegando a mostrar máis preocupación polo cobro do ICIO que pola saúde, a seguridade ou o futuro das parroquias afectadas”.

A organización cualifica de especialmente preocupante a situación nas parroquias de Pesqueiras e San Fiz, onde o proxecto se situaría moi próximo a vivendas, explotacións gandeiras e traídas veciñais de auga. “O PP local e a Xunta están exercendo de comerciais das eléctricas e dos fondos de investimento mentres abandonan completamente o rural”, sinalan.

Nas alegacións presentadas advírtense riscos asociados ao almacenamento de baterías de litio, como incendios ou explosións, así como a ausencia dun plan de emerxencias e evacuación. Tamén denuncian a falta de medios específicos nos servizos de bombeiros e a inexistencia de estudos detallados sobre impactos acústicos, electromagnéticos e hídricos.

Outro dos aspectos destacados é o elevado consumo de auga previsto, que podería alcanzar ata 30.000 metros cúbicos anuais entre Belesar I e II. Segundo a formación, “o equivalente ao consumo de seiscentas persoas nunha zona rural sen abastecemento público e dependente de pozos e traídas veciñais”.

Por Chantada lembra ademais que a zona xa soporta unha elevada concentración de infraestruturas enerxéticas, como encoros, liñas de alta tensión e parques eólicos, sen retorno económico nin social para o territorio. “Mentres as empresas e os accionistas fan negocio desde Madrid ou Italia, aquí quedan os impactos, o despoboamento e a perda de calidade de vida”, apuntan.

O grupo conclúe que estes proxectos “non teñen licenza social” e anuncia que continuará apoiando as alegacións veciñais e os movementos sociais que se están organizando contra o que definen como “un novo episodio de espolio territorial e demotanasia rural”.

0.11649918556213