Parada de Sil abrirá unha liña de axudas de ata 3.000 euros para rehabilitar vivendas destinadas ao alugueiro

O Concello de Parada de Sil porá en marcha en 2026 unha convocatoria de axudas destinada a propietarios que queiran reformar as súas vivendas para despois sacalas ao mercado do alugueiro. A medida, aprobada pola Xunta de Goberno Local na súa sesión ordinaria do 29 de outubro, busca aumentar a oferta de vivenda arrendada no municipio a prezos accesibles.
As subvencións poderán cubrir ata o 80 % do custe total das obras, cun límite de 3.000 euros por vivenda. Entre os gastos que se poderán financiar figuran os honorarios técnicos, a execución material das obras, a compra de materiais e equipamento, así como o IVE cando non sexa recuperable. Quedan fóra da axuda, entre outros conceptos, os gastos anteriores ao 1 de xaneiro de 2026, os materiais de segunda man, as taxas e licenzas administrativas, e as obras que o propio beneficiario execute pola súa conta.
Que tipo de reformas se poden subvencionar? O programa contempla actuacións orientadas a mellorar a habitabilidade, a accesibilidade e a eficiencia enerxética das vivendas. Entre elas inclúense a reforma de baños e cociñas, a instalación ou mellora de sistemas de calefacción, traballos de illamento térmico, o cambio de fiestras por outras máis eficientes, a incorporación de iluminación LED, ou a adaptación de portas e baños para mellorar a accesibilidade.
Poderán solicitar estas axudas tanto persoas físicas como xurídicas que sexan propietarias ou titulares de algún dereito sobre un inmoble situado no termo municipal de Parada de Sil. Entre os requisitos, a vivenda non pode estar alugada no momento de pedir a axuda, as obras deberán executarse nun prazo máximo de seis meses desde a concesión, e o propietario terá que comprometerse a destinar a vivenda a alugueiro habitual durante polo menos tres anos tras rematar a reforma, formalizando o contrato de arrendamento correspondente nun prazo máximo de seis meses.
As solicitudes deberán tramitarse exclusivamente por vía electrónica a través da sede electrónica do Concello de Parada de Sil. Quen presente a solicitude de forma presencial será requirido para emendala por medios telemáticos, tomándose como data válida a desa emenda. O prazo para presentar solicitudes será de quince días hábiles desde o día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia.
Xunto coa solicitude, as persoas interesadas deberán presentar un proxecto ou memoria técnica da actuación, coa descrición das obras previstas, o desglose do orzamento e o IVE aplicable, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado actual da vivenda, así como o título que acredite a súa titularidade ou dereito sobre o inmoble.
Unha vez rematadas as obras, as persoas beneficiarias disporán dun mes para xustificar a axuda recibida, cun prazo límite fixado no 30 de xuño de 2027. Para iso deberán achegar as facturas das actuacións realizadas, unha reportaxe fotográfica do resultado final, o xustificante de pagamento e os certificados de estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
O texto completo das bases reguladoras desta convocatoria pode consultarse na sede electrónica municipal.