Pantón presenta unha nova edición das Xornadas do Románico cun amplo programa cultural ata o mes de xullo

O Concello de Pantón presentou unha nova edición das Xornadas do Románico, unha iniciativa que volverá converter o patrimonio histórico, artístico e paisaxístico do municipio no eixo central dunha programación que se desenvolverá ao longo dos próximos meses con concertos, visitas guiadas, actividades divulgativas, cinema e exposicións.
A presentación correu a cargo do alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, da concelleira de Cultura, Cristina Domínguez, e do técnico municipal de Cultura, Javier González, quen foi o encargado de detallar a ampla axenda de actividades prevista para esta edición.
Durante o acto, desde o Concello agradeceuse expresamente o traballo e a dedicación de Flora Enríquez, impulsora destas xornadas, ao tempo que se reafirmou o compromiso municipal de seguir promovendo esta iniciativa como ferramenta para difundir o románico, a cultura, a historia e a paisaxe de Pantón.
As actividades arrancaron o pasado sábado coa celebración da carreira e da andaina popular da Ruta do Románico. A programación continuará o vindeiro 14 de xuño coa actuación de Brice Duisit, mestre de canto e vielle e especialista en monodia trobadoresca, que ofrecerá un concerto na igrexa románica de San Miguel de Eiré.
O 20 de xuño será a quenda de Fantasías de Telemann na Ribeira Sacra, un concerto de viola da gamba interpretado por Sara Ruiz, profesora no Conservatorio Superior de Música de Vigo e directora do Consort de Violas da Gamba da Universidade de Salamanca. A actuación desenvolverase en tres escenarios patrimoniais: a igrexa parroquial de Pombeiro, a igrexa de San Fiz de Cangas e o Mosteiro do Divino Salvador.
Ao día seguinte, o 21 de xuño, Pablo Vila presentará O soño e o eco, unha proposta musical baseada en oito poemas musicados de Rosalía de Castro acompañados por textos orixinais que funcionan como fío condutor do espectáculo. O concerto celebrarase na igrexa románica de San Fiz de Cangas.
A programación continuará o 26 de xuño coa celebración de Kino Terra. Cinema e territorio, unha iniciativa centrada no cine vinculado á memoria e ao territorio. No salón de actos da Casa da Cultura proxectaranse catro curtametraxes rodadas na Ribeira Sacra.
O 28 de xuño terá lugar unha das citas máis destacadas das xornadas coa presentación da restauración das pinturas murais do presbiterio da igrexa do Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira, realizada pola restauradora Vania López Arias. A actividade completarase cun concerto do dúo de piano e violín Artistas.
Xa no mes de xullo, o día 5 celebrarase a actividade Pedras con alma feminina, que incluirá unha visita guiada ao interior do Mosteiro do Divino Salvador organizada por Máis que Románico e un concerto do grupo Batital nos exteriores do monumento.
O 12 de xullo chegará Danza no Camiño Galego, un proxecto coreográfico que combina patrimonio, danza e música tomando como inspiración o Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia. A iniciativa, patrocinada pola Xunta de Galicia co apoio do Concello de Pantón, desenvolverase na igrexa de Santiago de Castillón.
As xornadas concluirán o 17 de xullo coa presentación do programa da VIII edición do Fest Clásico Ribeira Sacra no Románico Galego e coa inauguración da VII Mostra de Pintura Ribeira Sacra Cultural, a cargo de Luz Barriga, na Casa da Cultura de Pantón.
O cartel desta edición, obra de Óscar Alonso Molina, doutor en Belas Artes, centra a súa imaxe nunha das bóvedas da igrexa de San Fiz de Cangas. Segundo destacou o alcalde, o obxectivo é que esta imaxe contribúa a dar maior proxección ás xornadas e a atraer visitantes interesados no patrimonio románico da comarca.
José Luis Álvarez amosouse ademais confiado en poder contar proximamente cun espazo adecuado que permita recuperar para o municipio o Santo Cristo de San Fiz, unha das pezas patrimoniais máis emblemáticas vinculadas á historia de Pantón.