Pantón presenta a programación do Verán Cultural con música, campamentos e actividades festivas

RibeiraSacraXa
As propostas desenvolveranse durante xullo e agosto e incluirán concertos, actividades para a conciliación familiar e unha programación específica para as festas patronais
veran-cultural-panton
16 Jun 2026

O Concello de Pantón ven de dar a coñecer a programación preparada pola Concellería de Cultura para os meses de xullo e agosto dentro do Verán Cultural, unha proposta que combinará música, actividades infantís e distintas iniciativas de lecer ao longo do período estival.

A programación xa iniciou a súa actividade coa celebración das XXXVII Xornadas da Rota do Románico de Pantón, que continuarán desenvolvéndose ata o vindeiro 17 de xullo.

Os venres do mes de xullo concentrarán boa parte das citas musicais previstas. A primeira delas terá lugar o 3 de xullo na Praza do Concello, onde Pepe Piña ofrecerá un concerto con versións musicais das décadas dos 70, 80 e 90. A actuación está prevista para as 23.00 horas.

No mesmo espazo e no mesmo horario celebraranse o resto das actuacións programadas durante o mes. O 10 de xullo será a quenda de El Último Burro, grupo tributo a El Último de la Fila. O día 17 desenvolverase o espectáculo Mystic Fire, unha proposta que combinará lume e danza, mentres que o 31 de xullo subirá ao escenario A Gramola Ye Ye.

A programación de verán inclúe tamén os Campamentos Infantís, que se desenvolverán entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. As actividades organizaranse por quincenas, distribuídas entre os períodos do 1 ao 17 de xullo, do 20 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto e do 17 ao 31 do mesmo mes.

Estes campamentos están orientados a facilitar a conciliación familiar durante os meses de verán e funcionarán en horario de 10.00 a 14.00 horas, agás nos días festivos. Ademais, ofrecerán un Servizo Madruga entre as 9.00 e as 10.00 horas.

As actividades están dirixidas a nenas e nenos nacidos entre os anos 2010 e 2022, tendo prioridade aquelas persoas empadroadas no Concello de Pantón.

As persoas interesadas en obter máis información ou realizar a inscrición nos campamentos poderán acudir á Casa da Cultura entre os días 15 e 19 de xuño, en horario de 10.00 a 20.00 horas, ou contactar a través do teléfono 982 456 377.

O Concello tamén sinala que continúa traballando noutras actividades para o período estival, entre elas unha programación específica para as festas patronais, que se celebrarán entre os días 22 e 24 de agosto.

De cara ao verán, a administración local tamén avanzou a previsión de iniciar a tempada da Piscina Municipal durante a última fin de semana de xuño.

0.13397407531738