Pantón acolle con éxito a estrea de ‘Lila quere ser violeta’ e a presentación do novo grupo teatral Dío tí

RibeiraSacraXa
A representación, baseada na metodoloxía do Teatro Foro, reuniu numeroso público na Casa da Cultura de Ferreira e promoveu a participación activa para reflexionar sobre a desigualdade de xénero
Lila-quere-ser-violeta-Pantón
19 Jun 2026

A Casa da Cultura de Ferreira de Pantón reuniu un gran número de asistentes na estrea de Lila quere ser violeta (ou a man ten dúas caras), unha proposta levada á escena polo novo grupo de teatro interxeracional Dío tí, creado este ano a partir do obradoiro teatral desenvolvido co apoio do Pacto de Estado.

As persoas participantes neste proxecto traballaron durante os últimos meses coa metodoloxía do Teatro Foro e as técnicas do Teatro do Oprimido, unha concepción teatral impulsada nas décadas dos 60 e 70 polo dramaturgo brasileiro Augusto Boal e inspirada na pedagoxía de Paulo Freire. Este modelo sitúa educadores e alumnado nun mesmo plano, promovendo un espazo de igualdade e participación.

Ao longo do proceso creativo, o grupo desenvolveu exercicios de improvisación teatral ao tempo que abordaba cuestións relacionadas coa violencia de xénero e ferramentas para a súa prevención e combate. O resultado dese traballo viu a luz este xoves pola tarde nunha representación na que a participación do público converteuse nun elemento imprescindible para o desenvolvemento da obra.

O monitor do grupo, Zósimo Yubero, destacou a boa acollida obtida durante a estrea e a implicación das persoas asistentes. Segundo explicou, existía certa incerteza previa sobre a resposta do público, xa que no Teatro Foro a súa intervención resulta fundamental. “Todos estamos moi satisfeitos co resultado e coa participación. Había dúbidas sobre que podería ocorrer se a xente non se implicaba, pero foi sorprendente comprobar como practicamente todos querían participar e expresar o seu punto de vista”, sinalou.

Lila quere ser violeta (ou a man ten dúas caras) constitúe unha creación colectiva construída arredor dun conflito social concreto: a desigualdade entre homes e mulleres. A peza relata a historia de Lila, unha muller condicionada desde a infancia por unha contorna social que a empurra cara a unha posición de sometemento. Ela aspira a construír unha vida diferente, a “ser violeta”, pero a propia estrutura social de opresión cara ás mulleres termina conducíndoa a unha relación sentimental marcada pola desigualdade e a submisión.

Desde a propia obra sublíñase que esa situación non pode recaer sobre a responsabilidade individual de Lila, senón que responde a un sistema que non ofrece alternativas reais. Por ese motivo, a proposta busca reivindicar a necesidade de construír colectivamente novas formas de educación e modelos sociais distintos. “Lila quere ser unha muller que poida decidir libremente que facer coa súa vida”, explicou Yubero.

Ao remate da representación, o público foi convidado a reflexionar e intervir sobre posibles solucións para contribuír a que as mulleres poidan abandonar esas situacións de desigualdade. O monitor explicou que esta metodoloxía aposta por un modelo pedagóxico baseado na escoita e no respecto mutuo.

A obra, cunha duración inicial de 20 minutos e que combina coreografías con escenas de carácter onírico e realista, foi construída a partir das experiencias das persoas participantes e das achegas do propio público. A súa duración pode ampliarse en función da implicación das persoas asistentes. O grupo ten agora a intención de levar esta proposta a outros municipios e tampouco descarta volver representala en Pantón, coa finalidade de continuar promovendo unha igualdade real e impulsar cambios sociais desde o respecto.

0.12465500831604