Os Peares celebrará a súa II Festa Sen Fronteiras para reivindicar a unión veciñal

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Será do 29 ao 31 de maio, con actuacións musicais na praia fluvial dos Peares, nun espazo situado na propia fronteira natural entre as provincias de Lugo e Ourense
festa-sen-fronteiras-os-peares
13 May 2026

A vila dos Peares acollerá a segunda edición da Festa Sen Fronteiras, unha celebración impulsada pola veciñanza que busca poñer en valor a unión entre os distintos núcleos que conforman este singular enclave, marcado por unha complexa división administrativa e natural.

Os Peares está repartido entre dúas provincias, catro concellos, tres dióceses e tres partidos xudiciais, ademais de estar atravesado polos vales do Miño, do Sil e do Búbal. A pesar desta realidade fragmentada, a veciñanza promove unha xornada festiva que simboliza a vontade de superar esas fronteiras.

O nome da vila ten tamén un significado simbólico, xa que “peares” fai referencia ás pedras colocadas no río para poder cruzalo, un elemento asociado á creación de camiños e unións onde antes había separacións. Esa idea serve de inspiración para esta festa de carácter comunitario.

A celebración terá lugar na praia fluvial dos Peares, na marxe do río Búbal, nun espazo situado na propia fronteira natural entre as provincias de Lugo e Ourense. Un dos elementos máis simbólicos do evento é que a orquestra actuará nunha provincia mentres o público poderá bailar na outra.

O programa da festa inclúe actividades pensadas para fomentar a convivencia veciñal, como campionatos de cartas, churrascadas e pulpadas no propio campo da festa. Como acto central, este ano contarase co espectáculo “Xuntos pola música”, unha homenaxe a Juan Pardo na que participan varios artistas, entre eles a súa filla Lys Pardo e o cantante Antonio Barros.

A festa está organizada pola Asociación Veciñal Sen Fronteiras, que traballa durante todo o ano no ámbito do Consorcio Local de Os Peares, canalizando nunha única voz as necesidades da veciñanza ante as diferentes administracións con competencias na zona.

0.10426187515259