Os maderistas asumirán a rehabilitación da estrada LU-P-4707 na Pobra do Brollón tras os danos causados no seu uso

Os maderistas asumirán a rehabilitación da estrada LU-P-4707 na Pobra do Brollón tras os danos causados no seu uso
As empresas encargadas da extracción de madeira queimada dos incendios de 2022 comprométense a reparar o firme e as marxes da vía provincial
A Deputación de Lugo anunciou este mércores que as empresas madeireiras encargadas dos traballos na zona rehabilitarán a estrada provincial LU-P-4707, entre A Pobra do Brollón e Veneira de Roques por Saa, despois dos danos rexistrados no seu trazado.
A vía foi empregada por varias empresas para a retirada da madeira queimada procedente dos incendios forestais de 2022, rexistrados entre este municipio e o de Folgoso do Courel, o que provocou deterioros ao longo de diferentes puntos do firme.
Segundo informou a institución provincial, unha vez rematados os traballos forestais, os servizos técnicos da Deputación elaboraron un informe no que se detallan as actuacións necesarias e o custo das reparacións, que serán asumidas polas propias empresas implicadas.
Os danos máis relevantes localízanse a partir do punto quilométrico 2,8, onde se prevén actuacións centradas na limpeza de cunetas e marxes para recuperar o ancho orixinal da estrada, así como na mellora do firme, adaptándose aos materiais existentes.
A LU-P-4707 ten unha lonxitude superior aos 11 quilómetros, parte da estrada autonómica LU-653 e dá servizo a distintos núcleos de poboación, ademais da capela de San Vitorio, un dos enclaves máis coñecidos do municipio pola súa romaría anual no mes de agosto.