Os concellos do Xeoparque Montañas do Courel desenvolverán un programa conxunto para impulsar o uso da lingua galega

RibeiraSacraXa
Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel levarán a cabo actividades ligadas á lingua, o patrimonio, a cultura e o territorio
xeoparque-montañas-courel
9 Aug 2026

Os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel recibirán unha nova subvención da Xunta de Galicia para desenvolver un programa común de promoción e dinamización da lingua galega. As tres localidades, integrantes do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, continuarán así cunha liña de traballo conxunta que manteñen desde hai tres anos.

A convocatoria permite que os tres municipios unan esforzos para poñer en marcha iniciativas destinadas a reforzar a presenza do galego entre a veciñanza, con especial atención á infancia e á mocidade. Cada ano, un dos concellos asume a coordinación do proxecto, correspondendo neste 2026 ao Concello de Ribas de Sil.

O programa desenvolverase de maneira simultánea nos tres municipios e combinará propostas relacionadas coa lingua, a educación, o patrimonio, a cultura e o territorio, aproveitando as posibilidades que ofrece o Xeoparque como espazo de difusión e posta en valor do galego.

Entre as actividades previstas atópanse obradoiros de creación de pasatempos en galego impartidos pola escritora Celia Díaz Núñez, propostas de improvisación oral arredor do brindo, unha campaña para promover o uso da lingua galega no comercio local e a creación do roteiro dixital “Palabras do Xeoparque”.

A nova concesión supón un apoio ao traballo coordinado que desenvolven Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel e reforza o compromiso dos tres concellos coa promoción e normalización da lingua galega como elemento común de identidade e patrimonio.

0.12227511405945