O XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas converte Cabeza de Manzaneda nun referente da música tradicional

A Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda acolleu esta fin de semana a XVII edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, unha cita xa consolidada no calendario estival galego que reuniu formacións de diferentes puntos da Península e converteu a montaña ourensá nun escaparate da música tradicional.
O festival presentou este ano como principal novidade a participación, por primeira vez, de agrupacións procedentes das Illas Baleares, que achegaron ao público as coñecidas como cornamusas mediterráneas. Xunto a elas participaron bandas de gaitas chegadas de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid e Portugal, favorecendo o intercambio cultural e a difusión das distintas tradicións musicais.
A programación completouse co IX Solpor da Seitura, unha actividade centrada na recuperación dos antigos cantares vinculados aos labores agrícolas, e coa tradicional Noite Celta, antesala da gran final do certame. Música, patrimonio e natureza volveron darse a man nun evento que ano tras ano reforza o seu papel como un dos principais referentes da música tradicional en Galicia.
A entrega de premios contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen destacou o valor deste certame como unha iniciativa que contribúe á conservación do patrimonio cultural e inmaterial galego e que, ao mesmo tempo, favorece a dinamización turística e económica do interior da comunidade.
Merelles subliñou que a Xunta continúa apoiando este tipo de iniciativas pola súa capacidade para atraer visitantes e dar visibilidade a comarcas con importantes recursos naturais e culturais, ademais de favorecer un modelo turístico máis equilibrado. Tamén puxo en valor a incorporación de novas formacións, que, ao seu xuízo, reforza o carácter aberto e de intercambio cultural dun festival plenamente consolidado.