O servizo de Atención Temperá de Quiroga retoma a súa actividade tras unha suspensión temporal

RibeiraSacraXa
A prestación, que dá cobertura a oito concellos da comarca, quedara interrompida ao non completarse a tempo a selección de profesionais para o novo período 2026-2028
edificio SAT Quiroga
24 Nov 2026

O Servizo de Atención Temperá (SAT) agrupado de Quiroga volveu funcionar con normalidade este luns, 23 de novembro, despois de varios días de interrupción. Este recurso dá cobertura conxunta aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Bóveda, Sober, O Saviñao e Pantón.

O novo período de funcionamento do servizo abrangue desde o 1 de novembro de 2026 ata o 31 de outubro de 2028, despois de que a resolución pola que se concedía a subvención correspondente se publicase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 30 de outubro de 2026.

Segundo explicou o Concello de Quiroga, a comezos de outubro púxose en marcha os trámites para seleccionar aos profesionais que se encargarán de prestar o servizo durante esta nova etapa, cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FSE Galicia 2021-2027. O obxectivo inicial era que o proceso selectivo estivese resolto antes do 1 de novembro, de forma que o servizo puidese arrincar o día 2 dese mes cun equipo de cinco profesionais, igual que na etapa anterior.

Porén, estes prazos non se puideron cumprir debido a un recurso de reposición presentado polo sindicato CSIF contra as bases do proceso de selección. Esta circunstancia obrigou a ampliar os prazos previstos e, ao non estar rematada a selección de persoal para o luns 2 de novembro, o consistorio víuse obrigado a suspender temporalmente a prestación do servizo.

Dende o consistorio quiroganés aseguran que esta suspensión, descrita como allea á súa vontade, foi comunicada tanto á Dirección de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia como ás familias que naquel momento eran usuarias do servizo.

Tanto a dirección do SAT como a Alcaldía de Quiroga trasladaron publicamente as súas desculpas polos posibles prexuízos que esta interrupción puidese ocasionar ás familias afectadas, ao tempo que desexaron un bo comezo deste novo ciclo a todos os usuarios e usuarias do servizo.

0.15258598327637