A voz dos alcaldes: José Luis Rivera Castro, rexedor de Quiroga

RibeiraSacraXa
O rexedor de Quiroga repasa a súa traxectoria, a xestión do tripartito e os retos do municipio: o abastecemento de auga, o impulso ao Camiño de Inverno e a atención aos maiores
Jose Luis Rivera Castro alcalde Quiroga
22 Nov 2026

Tras dúas décadas como concelleiro co PP, José Luis Rivera Castro, rexedor de Quiroga, goberna hoxe á fronte dunha candidatura independente nun tripartito con PSOE e BNG. Na conversa fala dos sacrificios e satisfaccións do cargo, do reto de mellorar a xestión da auga, da súa aposta polo Camiño de Inverno e dun municipio con 120 aldeas, onde o 80 % xa conta con fibra.

Podería explicarnos un pouco como comezou na política e como se vinculou ao seu partido?

Un vincúlase á política desde novo, como calquera actividade que hai na vida, dependendo da parte na que esteas. Se tes amigos no PP, no PSOE ou noutro grupo político, vas adaptándote ás circunstancias. A min pasoume algo parecido. Desde hai xa moitísimos anos - que teño bastantes -, o grupo de amigos que tiña, incluso familiarmente, estabamos todos encaixados no Partido Popular. Entón, a partir de aí vas integrándote. Por ese motivo creo que cheguei a esa conclusión de formar parte do Grupo Popular de España.

Eu politicamente non teño unha idea moi definida. Máis ben defínome como unha persoa politicamente de centro; coller cousas positivas de ambos lados.

 

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Eu estiven toda a vida no Partido Popular. Estiven 20 anos de concelleiro, levaba cultura, turismo e deportes. E despois, por unha serie de circunstancias, decidín cun grupo de amigos facer un grupo independente. Ao final non gañei por maioría, pero si para poder formar grupo - que somos un tripartito de goberno co PSOE e co BNG -. Ao final, hai que pensar que gobernas para os teus veciños e hai que facelo da mellor maneira posible.

Durante toda a lexislatura, que xa remata no mes de maio, tratamos entre todos de levalo da mellor maneira posible, ter o menos enfrontamentos que poidamos. Porque como dixen ao principio, aquí quen sae gañando son os veciños coa xestión que fagamos nós.

 

Que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello a nivel persoal?

Sacrificios, se che gusta, é relativo. O que pasa cun alcalde, igual que algúns concelleiros que teñen dedicacións, é estar pendente durante 24 horas de moitas cousas. A principal idea que tiña era solucionar os problemas dos veciños da mellor maneira posible e cos recursos dos que dispós, que tamén son moi limitados. E moitas veces tamén colles un Concello con débedas e todo isso hai que xestionalo, porque tes un cadro de persoal moi grande - aquí en Quiroga respectouse, non se botou a ninguén - e eu creo que a xestión que estamos facendo, tanto a nivel persoal como económico e xestión da Administración, neste momento é impecable e está todo o mundo contento. Temos un pobo unido, todos saben a xestión que estamos facendo, os sacrificios que supón, cos recursos que temos. Estamos contentos todos en principio porque a xestión foi a correcta.

 

E beneficios?

Esa satisfacción que tes de axudar a un veciño no día a día. Que teña un problema coa auga, tratar de solucionalo, que teña un problema coa luz e outro tipo de problemas que teñan, aínda que só sexa falar con eles. Estás satisfeito porque cumpriches cun obxectivo, e creo que é o que temos que facer os políticos.

 

Como equilibra a vida pública e a privada?

Tes que coidar a familia: a túa muller, os teus fillos, que te apoian porque se non, é imposible. Viaxas moito, estás pendente dos problemas dos veciños. Se hai boa disposición por parte de todos, eu creo que se leva ben e non hai ningún problema. Os problemas búscaos ás veces un mesmo pero, se ese problema o tes solucionado, o resto vai sobre rodas.

 

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

De momento estou traballando e non sei. A min gustaríame seguir, pero en poucos meses cambia todo e depende das circunstancias. Xa tamén teño unha idade, a próxima lexislatura ao mellor xa é época de retirarse.

 

E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Temos 120 aldeas. A maioría delas, case diría o 100 %, témolas todas bastante ben. O 80 % destas aldeas neste momento teñen fibra, é dicir, que se alguén quere vir a Quiroga mercarse unha casa na aldea para teletraballar, non ten ningún problema porque iso é unha vantaxe moi grande.

E despois aquí en Quiroga, pois o obxectivo principal, como sería o da maioría dos alcaldes, dános de cabeza bastante sempre o tema da auga. Hai moitas avarías, moitas roturas. A miña idea na próxima lexislatura sería cambiar a xestión da auga, facela correctamente para que nos próximos anos non haxa avarías e toda a xente estea contenta, porque a auga hoxe nun Concello é un problema bastante complicado. Aquí en Quiroga témolo bastante ben, pero bo, hai que melloralo ao 100 %.

 

Cales son as principais liñas do seu programa?

Por exemplo, temos un albergue público tamén, que nos funciona moi ben, porque estamos en pleno Camiño de Inverno en Quiroga. A miña ilusión e a miña idea, na próxima lexislatura, sería deixalo todo solucionado, e tamén sería outro problema resolto ao longo do tempo. Custa moito diñeiro, hai que negociar coas administracións e que nos botén unha man, porque somos final de etapa, o Camiño ten moito tirón, está medrando. Ultimamente, nos concellos pequenos, escasea moito a hostalaría e a restauración. Necesitamos ese pulo para ter o obxectivo cuberto.

 

Cales considera que son as principais necesidades do seu municipio?

Como dixen antes, o da auga é unha cousa principal. Tamén o tema dos maiores (SAF). Aquí estamos moi orgullosos en Quiroga, porque neste momento, dadas as circunstancias que hai, é un dos poucos concellos que non ten lista de espera. Iso para nós tamén foi un obxectivo desde que entramos, e en principio xa o conseguimos. Para nós, os maiores son unha prioridade e hai que atendelos como se merecen.

 

Ten algún/s proxecto/s do que se sinta máis orgulloso?

De que fomos solucionando as necesidades das 120 aldeas e creo que eses obxectivos se cumpriron. Fixemos obras pequenas, pero fixemos moitísimas. Son obxectivos que te vas marcando a longo prazo e van cumprindo. Nun Concello coma o noso tampouco hai necesidade de meterse en investimentos de millóns de euros, porque é un servizo que queda aí, que require o seu mantemento e ás veces non hai recursos para grandes infraestruturas. Entón imos pouco a pouco, é o que queren os veciños, e en principio creo que o estamos facendo ben.

 

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Creo que xa o ven. Son unha persoa que fala con todo o mundo, non me importa a cor política que sexa. Teño boas relacións con todos os veciños. Sempre tes a alguén ao que non lle caes ben, por suposto, como todas as facetas da vida, desde o traballo ou cos amigos. Pero bo, eu creo que temos un pobo unido, que os obxectivos se cumpriron e que os veciños me respectan e máis do 90 % que me aprecian, como alcalde e como persoa.

 

Como é a súa relación coa oposición?

Moi boa. Non tivemos moitas incidencias. Como dixen ao principio, cando tomamos posesión, dixen: “aquí hai que traballar para os veciños, temos que estar unidos”. Cada un pensando diferente á hora de xestionar as cousas, pero creo que todos os obxectivos que cumprimos levámolos ben, tanto o equipo de goberno como a oposición, o que é en si toda a corporación.

EN CLAVE PERSOAL

Idade

72 anos

Estado civil

Casado

Formación

Fun asesor financeiro dun banco internacional

Profesión

Agora pensionista, xubilado

Se non tivese o seu posto, que lle gustaría ser?

Gústame moito a agricultura. Teño viñedos, dúas mil cepas, mil oliveiras, e para pasar o tempo e estar entretido gústame moito esa actividade

Que quería ser de maior?

Feliz

Que fai para desconectar?

Téñoo doado. Teño a cabeza bastante amoblada e se teño un problema durante todo o día con calquera cousa que poida pasar no Concello ou familiar, deito na cama e durmo perfectamente ata o día seguinte que sigo con ese problema. Iso téñoo bastante superado.

Unha virtude

Son boa persoa

Un defecto

Non sei, deixámolo en standby

Un consello para compartir

Facer a vida máis agradable á xente e ser felices, que xa abondan problemas hai en todo o mundo, e eu creo que é o que hai que tentar entre todos. Ser máis agradable, levarnos todos ben e facer feliz aos demais

Unha afección

A caza

Un lugar que visitar

Visitei moitísimos e fáltanme moitos, pero gústame moito o rural e quédanme moitos pobos por visitar de España. Calquera pobo pequeno de calquera provincia

Unha comida

O cabrito

Unha bebida

Auga

Unha persoa admirada

A miña muller

Unha posesión prezada

A familia

Un desexo

Paz no mundo

Algo para esquecer

As guerras

Que é o que máis valora nunha persoa?

Ser honesta, sincera e que poidas confiar nela

Un desafío pendente

Creo que ningún

Onde se ve en cinco anos?

Nas viñas

0.15695905685425