O Saviñao enche de actividades a súa biblioteca para celebrar o Día das Bibliotecas

A Biblioteca Pública Municipal do Saviñao preparou unha ampla programación con motivo do Día das Bibliotecas, pensada para achegar a lectura e as actividades culturais á veciñanza de tódalas idades. A xornada comezará pola mañá con propostas dirixidas aos centros escolares e, desde as 14.00 horas, poderanse realizar microvisitas guiadas pola Ribeira Sacra sen saír do propio edificio.
O groso das actividades concentrarase a partir das 16.00 horas e estenderase case ata a medianoite, combinando obradoiros, xogos colectivos e encontros con distintos creadores.
A tarde comezará cun obradoiro de decoración relacionado co Samaín. Ás 17.00 horas tomará o relevo unha actividade centrada na obra 'Operación Negra Sombra', da man do escritor Antonio Manuel Fraga. Unha hora despois, ás 18.00 horas, celebrarase unha merenda acompañada de xogos, antes de dar paso, ás 19.00 horas, á proposta de Estefanía Padullés arredor de 'A superheroína do noso cómic'.
Pasadas as 20.30 horas chegará a quenda de xogos musicais, e ás 21.00 horas desenvolverase unha actividade de carácter ambiental e creativo baixo o lema 'Menos mercar, máis crear', impulsada por Biophilia; quen queira participar pode traer unha camiseta branca para estampala. Xa ao final da xornada, ás 22.30 horas, terá lugar unha cea amenizada con música, e ás 23.00 horas porase en marcha a proposta 'Ciclobiblioteca', a cargo de Anxo Moure, coñecido como Carballo con Botas. A xornada pecharase arredor da medianoite cun acto de despedida. Entre unha actividade e outra intercalaranse ademais distintos obradoiros e xogos.
Á marxe das sesións específicas de Antonio M. Fraga e Estefanía Padullés, o resto da programación está pensada para todos os públicos, co obxectivo de fomentar o encontro entre distintas xeracións arredor da cultura.
Desde a organización insístese en que é necesario inscribirse previamente, tanto para garantir o material necesario a tódalas persoas participantes como para organizar correctamente a loxística da merenda e a cea previstas, ás 18.00 e ás 22.30 horas respectivamente. Ao inscribirse convén indicar se algunha persoa participante ten alerxias ou intolerancias alimentarias. Pode facerse na propia biblioteca ou a través das súas canles habituais de contacto.
Esta proposta enmárcase dentro do programa de fomento da lectura 'Ler Conta Moito'.
Como peche das celebracións, o sábado día 24 está previsto un xantar organizado polo colectivo Lemos Le no restaurante Tres Portas, con motivo tamén do Día das Bibliotecas.