O Saviñao acolle un ciclo de teatro de outono con oito funcións entre novembro e decembro

O Círculo Saviñao pon en marcha o Ciclo de Teatro de Outono 2026, unha programación que arrincará o vindeiro 7 de novembro en Escairón e que se estenderá durante os sábados de novembro e decembro. En total programáronse oito funcións, que terán lugar no Auditorio Municipal ás 18.00 horas, agás as dúas últimas sesións de títeres, que se celebrarán no local social da entidade e estarán abertas a todos os públicos.
Das oito obras previstas, seis forman parte do circuíto de teatro profesional, mentres que as dúas restantes pertencen ao apartado de teatro afeccionado, unha iniciativa na que colabora e participa a Delegación de Cultura da Deputación de Lugo.
O ciclo inaugurarase o 7 de novembro coa posta en escena de ‘Paga e cala’, a cargo do Grupo Hospital de Lugo, dentro do bloque de teatro afeccionado. Unha semana despois, o 14 de novembro, será a quenda da compañía Lîlâ Teatro, que presentará ‘Abra da cabra’. O 21 de novembro chegará ‘Dona Clara’, interpretada polo Colectivo Ollomao, tamén encadrada no ciclo afeccionado. Para pechar o mes, o 28 de novembro, Bátega Teatro ofrecerá ‘Divers@s’, unha proposta pensada para o público infantil.
Xa en decembro, o ciclo continuará o día 5 con ‘Cores do camiño’, de Satori Teatro, e proseguirá o 12 de decembro con ‘A vida é un soño’, a cargo de Sr. López Producións. As dúas últimas citas estarán dedicadas ao teatro de títeres: o 19 de decembro, Mircromina Títeres representará ‘Raio the Loubicán’, e o ciclo despedirase o 26 de decembro con ‘Pituquito literal’, de Trécola Producións. Ambas as dúas funcións, orientadas ao público infantil, terán lugar no local social do Círculo Saviñao en lugar do Auditorio Municipal.