O PSOE da Pobra do Brollón celebra o compromiso da Deputación de Lugo para arranxar a LU-P-4707

A Deputación de Lugo asumiu o compromiso de reparar a estrada provincial LU-P-4707, que une os núcleos de Veneira e Roques tras as xestións realizadas polo voceiro do PSOE no municipio, Adolfo Rubio. A institución provincial trasladou esta decisión aos veciños nunha reunión celebrada no concello, na que confirmou que as obras comezarán nun prazo breve.
Segundo informou a Deputación, os traballos de reparación correrán a cargo das empresas madeireiras que participaron na saca de madeira na zona, e desenvolveranse baixo a supervisión técnica da propia institución provincial.
O voceiro socialista explicou que trasladou á Deputación o mal estado desta vía e a necesidade de intervir para recuperar unhas condicións adecuadas de circulación. Esta demanda formou parte dos encontros que mantivo coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, nos que reclamou unha solución para esta petición veciñal.
Rubio atribuíu o deterioro da estrada ao intenso tránsito de camións empregados na retirada de madeira queimada tras os incendios forestais que afectaron á zona en 2022. O edil subliñou a importancia desta reparación tanto para os veciños dos distintos núcleos aos que dá servizo a vía como para o resto de persoas que a utilizan nos seus desprazamentos.
O representante socialista valorou positivamente que a Deputación se reunise directamente coa veciñanza para explicar o procedemento previsto, que inclúe a solicitude de orzamentos ás empresas madeireiras e o posterior seguimento dos traballos por parte da institución provincial.
Respecto ao calendario, Rubio indicou que os prazos dependerán do tempo necesario para formalizar a contratación e das condicións meteorolóxicas, e expresou a súa confianza en que as obras poidan comezar canto antes.
O voceiro do PSOE puxo en valor o labor da súa formación á hora de trasladar as demandas veciñais ás administracións competentes. “Demostramos que dende a oposición tamén se poden conseguir grandes melloras na vida da cidadanía. O noso compromiso coa Pobra do Brollón é absoluto e seguiremos traballando para trasladar as necesidades da veciñanza ás administracións que correspondan e reclamar as actuacións que precisa o noso Concello”, concluíu.