O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a perda do Servizo de Orientación Laboral en San Xoán de Río e Manzaneda

O PSdeG-PSOE de Ourense acusa aos alcaldes do Partido Popular de San Xoán de Río e Manzaneda deixaron perder o Servizo de Orientación Laboral que viña prestando atención á veciñanza da comarca e que contaba cun financiamento do 100% por parte da Xunta de Galicia.
As e os socialistas cualifican esta decisión de “incomprensible e irresponsable”, ao tratarse dun servizo público gratuíto destinado a asesorar persoas desempregadas, facilitar a procura de emprego, apoiar iniciativas empresariais e contribuír á fixación de poboación nun territorio especialmente afectado polo despoboamento e o envellecemento.
Segundo sinala o PSdeG-PSOE, “resulta difícil de explicar que alcaldes do Partido Popular decidan deixar caer un servizo financiado integramente pola propia Xunta de Galicia. Estamos a falar dun recurso que non supuña custo para os concellos e que era fundamental para centos de persoas usuarias da comarca”.
As e os socialistas poñen o foco especialmente en San Xoán de Río, un municipio que adoita ser presentado como exemplo de políticas contra o despoboamento. Neste sentido, critican que “mentres se fala continuamente de atraer poboación e crear oportunidades no interior, a realidade é que se están perdendo servizos básicos polo camiño”, e engaden que “as palabras teñen pouco valor cando as decisións van na dirección contraria”.
O PSdeG-PSOE amosa tamén a súa preocupación polas persoas traballadoras vinculadas ao servizo e polo impacto que esta decisión terá sobre a veciñanza que empregaba esta ferramenta para mellorar a súa empregabilidade e acceso ao mercado laboral.
A formación socialista destaca ademais a mobilización cidadá a través dunha recollida de sinaturas para reclamar a continuidade do servizo. Segundo indican, “a mobilización veciñal demostra que estamos ante unha demanda real e ante un recurso que a comarca considera necesario. Cando a cidadanía se organiza para defender un servizo público é porque ese servizo presta unha utilidade evidente”.
Por todo isto, o PSdeG-PSOE reclama explicacións públicas aos responsables municipais, demanda que se estuden vías para recuperar o servizo e insta aos alcaldes implicados, Xosé Miguel Pérez Blecua e Pedro Yáñez, a priorizar os intereses da veciñanza.
“As políticas contra o despoboamento non poden quedar en discursos ou titulares. Hai que defendelas con feitos. E deixar perder un servizo de orientación laboral financiado ao cen por cen pola Xunta é facer o contrario do que necesita o rural ourensán”, conclúen as e os socialistas.