O PSdeG da Peroxa denuncia a ausencia de programación cultural durante o verán

O PSdeG da Peroxa critica a ausencia dunha programación cultural e de ocio durante este verán no municipio e considera que a actividade promovida polo Concello foi “completamente nula”, máis alá da celebración do campamento de verán e da proxección de dúas películas.
Os socialistas aseguran que, a poucos días de rematar a época estival, a veciñanza continúa agardando por unha programación de verán que, ao seu xuízo, non chegou a desenvolverse.
A formación critica tamén que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicase este mércores unha axuda económica concedida ao Concello da Peroxa pola Deputación de Ourense para financiar actuacións de monólogos celebradas no verán de 2024.
Para o PSdeG, esta circunstancia evidencia que a falta de actividade cultural non se debe necesariamente á ausencia de recursos económicos, xa que existen liñas de subvencións públicas destinadas precisamente á organización deste tipo de eventos.
Os socialistas consideran especialmente preocupante que, existindo financiamento ao que o Concello pode acceder mediante convocatorias de axudas, tampouco se estean impulsando novas actividades para a veciñanza durante os meses de verán.
Desde o PSdeG reclaman ao Goberno municipal unha maior planificación e aproveitamento dos recursos dispoñibles para ofrecer unha programación cultural e de ocio durante o período estival, así como unha explicación sobre a xestión das axudas destinadas a este tipo de iniciativas.