O proxecto cultural ‘Tecedora SóLODOS’ bota a andar polas provincias de Ourense e Lugo

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Diferentes espazos de Baños de Molgas, Melón, Nogueira Ramuín e Xunqueira de Espadanedo, na provincia de Ourense, e Portomarín, na de Lugo, acollerán actividades culturais até o mes de setembro
quique-peon-tecendo-solodos
25 Apr 2026

O proxecto cultural ‘Tecedora SóLODOS’ bota a andar nas provincias de Ourense e Lugo cun programa de actividades que se estenderá durante seis meses e que busca achegar a cultura ao medio rural, favorecer a participación da veciñanza e dinamizar a vida comunitaria a través de diferentes disciplinas artísticas.

A iniciativa, impulsada pola compañía de danza SóLODOS e financiada no marco das axudas Territorio Cultura da Xunta de Galicia, desenvolverase ata o mes de setembro nun total de cinco concellos. Así, acollerán citas culturais diferentes espazos de Baños de Molgas, Melón, Nogueira Ramuín e Xunqueira de Espadanedo, na provincia de Ourense, e Portomarín, na de Lugo.

Ao longo deste período están previstas unha ducia de actividades conducidas por un total de once de colectivos e artísticos e profesionais convidados, entre os que se atopan Alba Fernández Cotelo, Daniel Rodríguez, Os Xuncos e Xunqueteiras, Milki Lee e Teresa Magallón (Sweet Chilli Circus Coimpany), MIkel Arístegui, Larumbe Danza, Ico Rafael Ramos (O Sonoro Maxín), John Axiom, Agustín Vázquez Ferreiro e Maruxa Salas e Erick Jiménez (SóLODOS).

A programación comezará este mesmo domingo, 26 de abril, na parroquia de San Cristóbal de Armariz, en Nogueira de Ramuín, coa actividade “Falando con Quique Peón”, un encontro co artista e investigador centrado na recollida e difusión da danza e música tradicionais galegas.

A segunda cita será o 2 de maio en Melón con “Rexenerar verde”, un obradoiro de concienciación ambiental que rematará cunha peza de danza, previsto tamén o 9 de maio na Escola de Moura, en Nogueira de Ramuín. O 3 de maio, Portomarín acollerá “Percorrido SóLODOS”, unha experiencia para redescubrir a vila a través da danza e a música. Ademais, o 17 de maio, Xunqueira de Espadanedo será escenario de “Traballar a terra”, un obradoiro infantil arredor da relación co territorio e a cerámica.

Durante o verán, o proxecto continúa cunha programación variada. Así, en xuño celebrarase o taller de cantigas e bailes tradicionais “Os Xuncos e Xunquereteiras”, destinado a nenos e nenas, que terá lugar o día 6 no Pazo Xeral Paredes de Portomarín e o día 7 en Baños de Molgas. Ese mesmo mes, a proposta “Lentes para imaxinar”, que mestura novas tecnoloxías e creación artística xunto cun espectáculo da compañía Larumbe Danza, visitarase A Penalba, en Nogueira de Ramuín, o domingo 14.

En xullo, o Museo de Alfarería de Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo, acollerá o obradoiro de percusión en cerámica combinado coa creación do espectáculo “Os fornos de Niñodaguia”, dirixido por Maruxa Salas e Erick Jiménez.

En agosto repetirase o formato de itinerarios escénicos con outro “Percorrido SóLODOS” o día 9 en Baños de Molgas. Ese mesmo mes terá lugar unha das actividades máis singulares do programa: “Escoita de estrelas”, que se celebrará durante a noite do eclipse total de sol o día 12 no claustro do mosteiro de Santa María de Melón, combinando o espazo sonoro de John Axiom con música, creación sonora e observación do ceo.

A programación finalizará en setembro en Xunqueira de Espadanedo coa actividade “Degustando artesanía”, un obradoiro no que se cociñará empregando pezas tradicionais de barro de Niñodaguia, aberto á participación de todos os públicos.

Con esta proposta, ‘Tecedora SóLODOS’ busca levar diferentes linguaxes artísticas ao rural galego, combinando tradición, creación contemporánea e participación veciñal en espazos patrimoniais e naturais.

0.12160706520081