O Programa Activa de Monforte pecha a súa edición máis participativa con preto de 800 persoas inscritas

O Programa Activa 2025-2026 puxo punto e final á súa edición máis participativa cun acto celebrado na Praza de Abastos de Monforte, onde se reuniron usuarios e usuarias, familiares, monitores e representantes municipais para compartir unha xornada de convivencia e facer balance dos últimos nove meses de actividade.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou na clausura acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada; o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; e a coordinadora de Servizos Sociais, Luz Méndez. O programa, orientado especialmente a persoas maiores de 55 anos, rexistrou nesta edición preto de 800 participantes, converténdose na convocatoria con maior participación da súa historia.
Durante a celebración, as persoas asistentes puideron desfrutar de exhibicións de baile, entre elas pasodobre e ritmos latinos, así como dunha exposición dos traballos de manualidades realizados ao longo do curso polos participantes.
Na súa intervención, o rexedor destacou o valor social desta iniciativa municipal e subliñou que “o Programa Activa é unha iniciativa prioritaria para o Concello porque, ademais de fomentar a aprendizaxe e os hábitos saudables, permite tecer lazos de amizade e compañeirismo entre os participantes”.
José Tomé puxo tamén o foco nos resultados acadados durante esta edición e destacou que “preto de 800 persoas pasaron polo Centro Cívico e polas parroquias entre outubro de 2025 e xuño de 2026, converténdose na edición con maior número de participantes da historia do programa”.
O alcalde sinalou ademais que o principal valor da iniciativa vai máis alá dos datos de participación. “O máis importante é que o programa cumpriu coas expectativas en ámbitos tan relevantes como a aprendizaxe, a mellora da saúde física e emocional, o acompañamento e a creación de novas amizades”, afirmou.
Entre os obxectivos acadados, destacou tamén a loita contra o illamento social: “foi contribuír a combater a soidade non desexada, así nolo transmitides vós mesmos e iso fainos sentir moi orgullosos e con gañas de seguir apostando por este programa”.
Durante o acto, o rexedor agradeceu o traballo do equipo de monitores e monitoras, do persoal municipal e de todas as persoas implicadas na organización, así como a participación dos usuarios e usuarias.
O Concello avanzou ademais que xa traballa na próxima edición do Programa Activa 2026-2027. A previsión é abrir o prazo de solicitudes durante o mes de setembro para iniciar as actividades a mediados de outubro.
As enquisas realizadas ao remate do curso reflicten un elevado grao de satisfacción entre os participantes, que destacan especialmente os beneficios do programa na mellora do benestar físico e emocional, a aprendizaxe e a creación de novas relacións sociais.