O PP logra aprobar a revisión do convenio de 1,8 millóns para a ponte do Malecón co apoio do BNG

O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo conseguiu sacar adiante no pleno unha moción para instar á revisión do convenio de 1,8 millóns de euros destinado á construción dunha nova ponte aberta ao tráfico na zona do Malecón de Monforte. A proposta contou co respaldo do BNG, mentres que o PSOE votou en contra.
Segundo explicaron os populares, a iniciativa pretende deixar sen efecto o actual convenio para destinar ese investimento a outras actuacións que consideran prioritarias para o municipio. O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, criticou o posicionamento do grupo socialista e da presidenta da Deputación, Carmela López, asegurando que "o PSOE foi da man de Tomé" e acusándoos de manter o proxecto "como unha manobra de distracción política para evitar falar da súa situación xudicial".
Ameijide sostén que a proposta do PP non buscaba retirar fondos a Monforte, senón redirixilos cara á renovación da rede de saneamento e abastecemento de auga ou a outras necesidades que, ao seu xuízo, demanda a veciñanza. "Pedimos redefinir o convenio para financiar actuacións realmente necesarias para o municipio", afirmou.
Pola súa banda, o BNG reiterou durante o debate a súa oposición á construción da ponte sobre o Malecón e explicou que o seu voto favorable á moción responde á súa postura mantida desde o inicio deste proxecto. O deputado nacionalista Efrén Castro asegurou que "a postura do BNG foi moi clara desde o principio. Estamos en contra de que se constrúa esa ponte, e defendemos esa posición en todos os espazos nos que temos representación: no pleno de Monforte, no Parlamento e na Deputación de Lugo". Ademais, lembrou o traballo político e social desenvolvido polo BNG monfortino para tratar de frear unha infraestrutura que, segundo afirmou, prexudica gravemente o Malecón.
Castro tamén defendeu modificar o convenio entre a Deputación e o Concello de Monforte para que os 1,8 millóns de euros comprometidos se destinen a outras actuacións no municipio que respondan ás necesidades da veciñanza.
O portavoz popular tamén cargou contra a presidenta provincial, á que acusou de actuar con "submisión absoluta" cara ao alcalde de Monforte, José Tomé, e criticou que a Deputación manteña o investimento previsto para a ponte. Na mesma liña, denunciou que os recursos públicos se empreguen, segundo dixo, para manter acordos políticos.
Desde o Grupo Provincial Popular reiteran a súa oposición ao proxecto da nova ponte sobre o Malecón, ao considerar que suporía a entrada de tráfico rodado nun dos espazos de lecer máis utilizados da cidade, ademais da construción dunha infraestrutura que, segundo aseguran, conta cun amplo rexeitamento social. Os populares conclúen que seguirán defendendo que os fondos provinciais se destinen a investimentos que consideran máis útiles para Monforte.