O PP leva ao Senado a falta de sinalización horizontal na N-540 entre Chantada e A Barrela

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano rexistraron no Senado unha iniciativa para reclamar explicacións ao Goberno pola demora na sinalización horizontal da N-540 entre o polígono industrial de Chantada e A Barrela. Case cinco meses despois de que se completase o reasfaltado deste tramo, boa parte dos aproximadamente sete quilómetros da estrada continúa sen pintar.
Os populares consideran “inaceptable” que o Ministerio de Transportes leve meses sen completar unha actuación que consideran básica tras o asfaltado da vía. “Cinco meses para pintar unha estrada é un exemplo máis da deixadez coa que o Goberno trata as infraestruturas da provincia de Lugo. Non estamos falando dunha gran obra nin dunha actuación complexa: estamos falando simplemente de pintar os carrís”, denuncian.
Barreiro, Balseiro e Serrano advirten de que a falta de marcas viarias non debe interpretarse como un simple traballo pendente, xa que dificulta a correcta identificación dos carrís e pode afectar á seguridade dos condutores.
A situación, segundo sinalan, resulta especialmente preocupante nos puntos da N-540 nos que a estrada dispón de tres carrís, onde a ausencia da correspondente sinalización horizontal pode provocar confusión entre as persoas que circulan pola vía.
“Parchear e marchar non é rematar unha obra. Unha estrada ten que quedar correctamente sinalizada e en condicións de seguridade desde o primeiro momento”, subliñan os tres senadores.
Os representantes populares consideran tamén “difícil de explicar” que esta deficiencia se manteña durante todo o verán, coincidindo ademais cun período no que se incrementa a mobilidade e o volume de tráfico nesta estrada, unha das principais conexións entre Lugo e Ourense.
A iniciativa presentada no Senado busca que o Goberno explique se é coñecedor dos problemas e riscos derivados da ausencia de pintura na N-540 e por que transcorreron case cinco meses sen completar a sinalización horizontal.
O PP tamén reclama ao Ministerio de Transportes que detalle que medidas inmediatas prevé adoptar para solucionar a situación e, sobre todo, que fixe unha data concreta para que os sete quilómetros afectados queden finalmente pintados.
“Os condutores non teñen por que seguir pagando coa súa seguridade a falta de planificación e de dilixencia do Ministerio. Cinco meses de espera para pintar sete quilómetros son demasiados”, conclúen Barreiro, Balseiro e Serrano.