O PP destaca en Bóveda a boa acollida do Bono Coidado no Fogar na provincia

RibeiraSacraXa
7.651 persoas en situación de dependencia beneficiáronse da iniciativa na provincia de Lugo
pp-bono-coidado-rubianjpg
23 Apr 2026

O Partido Popular de Galicia puxo en valor a positiva resposta que está a ter o Bono Coidado no Fogar na provincia de Lugo, onde xa se benefician 7.651 persoas en situación de dependencia tras dous anos de funcionamento.

Nun encontro con veciños de Rubián, no concello de Bóveda, os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e Enrique Barreiro subliñaron a importancia desta medida impulsada pola Xunta, que supón unha achega de 5.000 euros anuais destinada a persoas dependentes que reciben coidados no seu domicilio por parte de familiares ou achegados, sen ter en conta o grao de dependencia nin o nivel de renda.

Segundo explicaron, o Goberno galego incrementou este ano o orzamento do programa ata os 179 millóns de euros, o que supón un aumento do 52% respecto ao exercicio anterior.

No plano político, Raquel Arias contrapuxo o esforzo da Xunta co que cualificou de falta de compromiso do Executivo estatal en materia de dependencia. A responsable popular lembrou que o Goberno galego destina 845 millóns de euros a este ámbito, un 17% máis que en 2025, mentres que a achega do Estado descendeu ata o 32,9%, moi por baixo do 50% establecido pola lei. Neste contexto, sinalou que a débeda acumulada con Galicia xa acada os 3.000 millóns de euros.

Arias tamén destacou as previsións de ampliación do programa, que permitirá que 10.000 galegos máis accedan ao Bono Coidado nesta lexislatura, segundo o anunciado polo presidente Alfonso Rueda no último Debate de política xeral.

Pola súa parte, Enrique Barreiro puxo o foco no avance dos servizos sociais, lembrando o obxectivo de pechar o primeiro semestre do ano con 20.000 persoas beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar e coa posta en marcha da primeira fase do Plan de residencias e centros de día, que contempla a apertura de 24 novas instalacións.

Na actualidade, a provincia de Lugo conta con máis de 16.680 persoas dependentes atendidas.

0.13563299179077