O PP de Ribas de Sil solicita formalmente a convocatoria inmediata do Pleno

RibeiraSacraXa
Denuncian que a última sesión plenaria celebrouse o pasado 19 de decembro, cando o órgano debe reunirse cada dous meses
pp-ribas-de-sil
21 Apr 2026

O Partido Popular de Ribas de Sil vén de solicitar de maneira formal a convocatoria inmediata do Pleno ordinario do Concello, lembrando que este órgano debe reunirse cada dous meses —o primeiro luns dos meses impares ás 12.00 horas— tal e como se acordou ao inicio do mandato.

Segundo denuncia a formación, a última sesión plenaria celebrouse o pasado 19 de decembro, polo que “xa pasaron 4 meses” sen que se convoque unha nova reunión ordinaria.

A voceira popular, Sandra Macía, que rexistrou unha solicitude no Concello, asegura que “o alcalde está a incumprir a legalidade vixente” ao non convocar estas sesións, que son o espazo no que “participamos todos os concelleiros”. Neste sentido, critica que esta situación “impide que dende a oposición fagamos o noso labor de control e fiscalización ao goberno local”.

Macía engade que as demandas trasladadas pola veciñanza non están a poder ser debatidas. “As nosas iniciativas, as preguntas que queremos trasladar ao goberno local como nos están a pedir os veciños e veciñas, teñen que seguir agardando ata que se convoque o Pleno”, sinala a concelleira.

Os populares consideran que esta situación supón tamén unha afectación aos dereitos da cidadanía, ao sinalar que “o alcalde está a vulnerar o dereito dos cidadáns a participar nos asuntos públicos a través dos seus representantes e reduce o dereito dos concelleiros a exercer as súas funcións”. Ademais, lembran que “nestes 4 meses xa se tería que ter celebrado en 2 ocasións”.

A voceira subliña que non se trata dun feito illado, xa que “non é a primeira que temos que dirixirnos formalmente ao alcalde neste mandato para esixirlle recuperar a normalidade”. Segundo explican, mesmo tiveron que acudir á Valedora do Pobo tras constatar que no ano 2025 “tardara máis de medio ano en convocar unha sesión plenaria ordinaria”.

O PP de Ribas de Sil advirte finalmente de que o incumprimento da convocatoria dos plenos supón unha grave limitación da función de control político da corporación e avanza que, “de continuar co incumprimento e non dar resposta á solicitude”, valorarán recorrer a outras instancias, incluída unha nova queixa ante a Valedora do Pobo.

0.12121295928955