O PP denuncia atrasos na redacción do proxecto dos carrís de adiantamento da N-120 entre Os Peares e Ourense

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Os populares critican que o Ministerio continúe a afirmar que “están a redactar” o proxecto construtivo e reclaman a licitación das obras en 2026
N-120
25 Jun 2026

O PP de Ourense denuncia que, tres anos e dous meses despois da aprobación do proxecto de trazado, o Goberno continúa a alegar que “están a redactar” o proxecto construtivo dos 4,22 quilómetros de carrís de adiantamento da N-120 entre Os Peares e Ourense.

Os populares sinalan que o Executivo se comprometera por escrito e en nota oficial a licitar as obras en 2023, pero que, transcorrido máis de dous anos e medio, aínda non se executaron. “Basta de dilacións e de enganos aos cidadáns, esiximos dilixencia na tramitación e licitación de obras en 2026”, afirma Celso Delgado.

Sinalan que a execución destes carrís resulta esencial para os usuarios da N-120, especialmente para os valdeorreses, xa que a imposibilidade de adiantar nese tramo incrementa a duración da viaxe entre 10 e 15 minutos.

Engaden que, tras máis de oito anos de Goberno de Pedro Sánchez, queda acreditado ao seu xuízo o desinterese por mellorar as condicións de seguridade viaria da N-120, así como o abandono dos proxectos da alternativa a esta estrada, a autovía A-76.

O 12 de maio de 2026, os deputados ourensáns do PP Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana rexistraron no Congreso varias preguntas nas que consultaban se o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible finalizou xa a redacción do proxecto construtivo dos carrís adicionais da N-120 entre Os Peares e Ourense (PK 548 ao 564), e que nova data de 2026 prevé para a licitación das obras tras o incumprimento do compromiso de 2023.

O 17 de xuño de 2026 chegou a resposta do Ministerio, na que se afirma que “O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ten actualmente en redacción o proxecto construtivo dos carrís adicionais da N-120, entre Os Peares e Ourense (provincia de Ourense).”

Na valoración desta resposta, o PP de Ourense considera que o Ministerio “acredita desprezo aos usuarios da estrada nacional 120 entre Os Peares/Alto da Guítara e Ourense e moi especialmente aos veciños das comarcas de Ourense, Lemos, Quiroga e Valdeorras”.

Sinalan que na actualidade, no tramo de 28 quilómetros só se permite o adiantamento nos dous últimos quilómetros próximos a Ourense (desde aproximadamente o km 562,1), mentres que no resto existe liña continua, o que provoca atrasos nas viaxes de entre 10 e 15 minutos.

Lembran tamén que o 2 de marzo de 2023 o secretario xeral de infraestruturas, Xavier Flores, visitou O Bierzo e Valdeorras e que, segundo a nota de prensa do Ministerio, indicábase que o proxecto fora sometido a información pública en xaneiro e que “O obxectivo é poder licitar as obras correspondentes en 2023.”

Posteriormente, o 22 de abril de 2023, o Ministerio informou na súa web de que “aprobou o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado para a mellora da seguridade viaria na estrada N-120, coa implantación de 4,22 quilómetros de carrís adicionais entre os km 548,800 e 564,000, na provincia de Ourense, cun orzamento de obra de 5,8 millóns de euros (IVE incluído)”, engadindo que tras esa aprobación continuaba a redacción do proxecto de construción.

Os traballos previstos no proxecto de trazado inclúen o acondicionamento de interseccións e a implantación de carrís adicionais en tres tramos da N-120 situados no Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín: tramo 1 (km 551,220 ao 552,950 sentido Ourense), tramo 2 (km 556,280 ao 557,410 sentido Monforte) e tramo 3 (km 559,740 ao 561,170 sentido Ourense).

O PP de Ourense conclúe que a resposta do Goberno en xuño de 2026 resulta “decepcionante”, xa que, tres anos e dous meses despois da aprobación do proxecto de trazado, continúa a manterse que “están a redactar” o proxecto construtivo dos 4,22 quilómetros de carrís adicionais.

Por último, critican tamén que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible non fixe data para a licitación das obras, que consideran debería producirse en 2026.

0.13506102561951