O PP de Monforte pide sacar a concurso os quioscos da Compañía

O Grupo Municipal do PP de Monforte de Lemos amosou a súa inquedanza pola posible desaparición do último quiosco activo na zona da Compañía, ante o anuncio da xubilación da persoa que actualmente o rexenta como churrería.
A voceira popular, Katy Varela, explicou que a noticia desta xubilación xa é coñecida pola veciñanza a través dos medios de comunicación, e trasladou a preocupación do grupo municipal por que este peche supoña a desaparición definitiva dun servizo que consideran relevante para o municipio.
Na zona da Compañía existen tres quioscos, dos que dous xa permanecen pechados. O terceiro, dedicado actualmente á venda en formato churrería, é o único que segue operativo, aínda que a súa continuidade está en dúbida pola xubilación anunciada.
Desde o PP lembran que xa presentaron no seu momento unha moción no pleno municipal solicitando que o goberno local volvese sacar a concurso estes espazos, co obxectivo de reactivar o seu uso económico. Segundo sinalan, hai persoas interesadas en emprender e poñer en marcha de novo estas instalacións.
Respecto das limitacións de uso dos quioscos, o goberno municipal, a través do seu alcalde, José Tomé, indicara previamente que a normativa actual só permite destinalos á venda de prensa e larpeirada. Ante esta circunstancia, o PP propón que, de confirmarse esa restrición, correspondería impulsar unha modificación da ordenanza reguladora para ampliar as actividades permitidas e así facilitar a súa posta en funcionamento.
Con este planteamento, os concelleiros populares defenderán de novo no vindeiro pleno que o goberno local leve a cabo as xestións necesarias para que os quioscos da Compañía recuperen a súa actividade, incluíndo, se fose preciso, os cambios normativos que o permitan.