O PP de Monforte critica os investimentos en asfaltado e pide máis inversión en saneamento

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte critican o último anuncio do Goberno local de investir máis dun millón de euros na mellora de varias infraestruturas viarias tanto no casco urbano como nas parroquias mentres, din, non arranxa a rede de abastecemento.
A voceira popular de Monforte, Katy Varela, critica o anuncio de Tomé e indica que “o pouco diñeiro que queda nas arcas municipais destínao a asfaltar”, afirmando que “ninguén pode entender que agora se empeñe en gastar outro millón de euros en aglomerar rúas cando onte mesmo houbo unha nova rotura na rede de abastecemento”. A popular acusa ao alcalde de “mirar cara outro lado” respecto ao estado da rede e lembra que “hai ano e medio que anunciou o investimento de 10 millóns do Goberno do Estado para a rede de abastecemento e non se sabe nada máis”.
Segundo a voceira, os cartos anunciados destínanse “a asfaltar rúas que se asfaltaron recentemente”, mentres, di, “realiza os anuncios de sempre, vemos como se produce unha nova rotura, nesta ocasión na rúa Reboredo, e hoxe a mañá aínda había moitos veciños de Monforte sen auga”.