O pleno de Monforte aproba por unanimidade unha moción do BNG para reclamar a rehabilitación da muralla medieval

RibeiraSacraXa
A moción aprobada reclama especificamente que a Xunta, a través de Patrimonio Cultural, promova actuacións que permitan garantir o mantemento e a recuperación deste elemento patrimonial
monforte-muralla
26 May 2026

O pleno do Concello de Monforte de Lemos aprobou por unanimidade unha moción presentada polo BNG na que se insta á Xunta de Galicia a acometer unha rehabilitación integral da muralla medieval da cidade.

A iniciativa solicita á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que adopte medidas encamiñadas a garantir a recuperación, protección e conservación deste elemento histórico, considerado unha das pezas patrimoniais máis relevantes do municipio.

Desde o grupo nacionalista destacan o valor da muralla no conxunto do patrimonio local, xunto co Conxunto Histórico-Artístico e o Colexio da Nosa Señora da Antiga, subliñando a súa importancia na identidade cultural e histórica de Monforte.

O BNG lembra que a muralla conta coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) e está incluída no ámbito protexido do casco histórico, aínda que advirte de que o seu estado de conservación continúa xerando preocupación. Ademais, sosteñen que nos últimos anos non se levaron a cabo actuacións suficientes para frear o deterioro do ben, polo que considera necesario impulsar intervencións concretas tanto de conservación como de posta en valor.

Os nacionalistas insisten ademais en que se trata dun recurso con potencial non só histórico e arquitectónico, senón tamén cultural, educativo e turístico, e advirten de que “cando se perde patrimonio, pérdese tamén parte do que somos”.

A moción aprobada reclama especificamente que a Xunta, a través de Patrimonio Cultural, promova actuacións que permitan garantir o mantemento e a recuperación da muralla medieval, no marco dunha estratexia continuada de protección do patrimonio histórico da cidade.

0.11812782287598