O Pereiro de Aguiar remata as obras de mellora nas pistas deportivas de Vilariño e A Tapada de Bouzas

O Concello do Pereiro de Aguiar rematou os traballos de mellora nas pistas deportivas de Vilariño e A Tapada de Bouzas, dentro do seu labor continuado de actualización das instalacións deportivas do municipio.
A actuación consistiu, por unha banda, no acondicionamento xeral das pistas, e pola outra, na renovación das porterías e doutros elementos deportivos presentes nestes recintos, que quedan así en mellores condicións de uso.
Desde o Consistorio sinalan que este tipo de intervencións responden ao obxectivo de poñer á disposición da veciñanza espazos máis axeitados para a práctica deportiva e o lecer, no marco dun traballo de mantemento e mellora que o goberno local mantén de xeito continuado sobre o conxunto das instalacións municipais.